PolíticaÚltima hora

A ruesa María G. Albert, número tres na lista do BNG por Ourense nas eleccións galegas

Neste sábado o Consello Nacional desta formación aprobaba as listas e o programa para os comicios do 5A

A concelleira ruesa do BNG María G. Albert./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Consello Nacional do BNG vén de dar luz verdes neste 29 de febreiro ás listas e ao programa electoral para os comicios galegos do vindeiro 5 de abril. Son unhas candidaturas de “excelencia” e un “auténtico programa de goberno” para pedir o apoio da maioría social que quere un “cambio galego”, en palabras da candidata nacionalista á presidencia da Xunta, Ana Pontón.

“Nin gobernos absolutistas, nin sucursalistas é o momento de ter na presidencia unha muller nacionalista coas mans libres e as ideas claras para defender, sempre e en todo lugar, os intereses dos galegos e das galegas, para construír un país con oportunidades no que vivir e traballar”, aseguraba Pontón, “porque merecemos un goberno que non reciba ordes nin de Génova, nin de Ferraz, o cambio galego é rematar co tempo do si bwana ao madridcentrismo e conseguir algo tan simple e tan revolucionario como que Galiza sexa gobernada desde Galiza”.

 

Imaxe do Consello Nacional do BNG desta maña.

 

No caso da provincia de Ourense, a lista ás eleccións galegas estará encabezada novamente por Noa Presas, sendo o número dous o avogado ourensán Iago Tabarés e a número tres a concelleira da Rúa María González Albert, alcaldesa dese concello na anterior lexislatura. O número catro é o tenente de alcalde de Verín Diego Lourenzo.

A lista continúa con Ernesta Seoane (Celanova), Xosé Manuel Puga (Barbadás), Mariana Rivera (San Amaro), Eugenio Quintas (Verín), Rebeca Paz (Leiro), Francisco García (Allariz), Sonia Álvarez (Ourense), Xosé Carballido (Ourense), Raquel Fernández (A Gudiña) e Alfredo Suárez Canal (Ourense). Dentro dos suplentes figura tamén a valdeorresa Noa Fernández Gómez, de Rubiá.

Artigos relacionados

Back to top button