EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

A Ruta de Pinchos da Feira do Viño de Valdeorras, limiar da vindeira edición desta mostra

A praza de Viloira será escenario da XXII Feira do Viño de Valdeorras os días 13 e 14 de xullo coa participación de 21 adegas

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras e o Concello do Barco daban a coñecer na mañá do 28 de xuño en rolda de prensa o cartel e o programa da XXII Feira do Viño desta denominación, que se celebrará os días 13 e 14 de xullo na praza de Viloira.

No seu recinto feiral poderán catarse os viños de 21 adegas: A Coroa, O Cepado, Alán, Cooperativa Xesús Nazareno, Cooperativa Virxe das Viñas, Godeval, Hacienda Ucediños, Felipe Mayo Alonso, D’Berna, Joaquín Rebolledo, María Teresa Núñez, Melillas e Fillos, O Casal, Quinta da Peza, Roandi, Ruchel, Sampayolo, Santa Marta, Viña Costeira, Virxen de Galir e Adega da Pinguela.

“A participación das adegas é fundamental para que a feira sexa un éxito e se consolide, ano tras ano, como un verdadeiro escaparate promocional dos nosos viños”, sinalaba o presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García Pando, quen destacou que a longo dos seus dous días de duración esta mostra converterá un ano máis a Valdeorras “no epicentro festivo da provincia de Ourense”.

Durante a fin de semana da mostra haberá animación musical de dúas charangas, cantos de taberna con Pándega e tamén o concerto, na noite do sábado 13, do grupo Fillos do Estramonio. E ademais están previstas actividades infantís e funcionará o tren Valdeorras Expresso.

Previamente, terá lugar a IV Ruta dos Pinchos da Feira (en colaboración con AEVA e co Barco CCA), os días 11 e 12 de xullo, coa participación de 15 locais de hostalaría barquenses. E o día 12 de xullo farase a cata oficial do certame, con viños de 16 adegas, na sede do CRDO Valdeorras. Os resultados desvelaranse na tarde do 14 de xullo, a partires das 20h.

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, poñía en valor o sector do viño valdeorrés a súa calidade e recoñecemento actual.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button