En portadaÚltima hora

A Ruta do Viño de Valdeorras aposta por “crear riqueza e turismo arredor do viño”

Así o destacaba a súa vicepresidenta na presentación en Santiago das XI Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia

 

As XI Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras, que se desenvolverán na comarca entre os vindeiros 27 e 29 de maio, veñen de ser presentadas esta tarde en Santiago de Compostela no marco dun acto presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González, e no que participou tamén a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Por parte da Ruta do Viño de Valdeorras, tomaba a palabra a vicepresidenta da entidade, Montserrat Rodríguez, para asegurar que a iniciativa permitirá, un ano máis, “dar visibibilidade” e “difundir e propiciar un mellor coñecemento do territorio amparado”. “Valdeorras é rica en historias escritas a través das súas xentes, as súas terras, o seu clima e as súas paisaxes, que acolleron e coidaron o cultivo da vide desde hai séculos. Todos estes actores deron forma á esencia do que é hoxe en día a viticultura da nosa comarca e ao selo da nosa Denominación de Orixe Valdeorras, a segunda mais antiga de Galicia”, aseguraba Montserrat Rodríguez.

 

 

Dende a Ruta do Viño de Valdeorras apóstase, tal e como sinalou a súa vicepresidenta, por “contribuír a crear riqueza e turismo no territorio arredor do viño. Porque os nosos recursos posúen un gran atractivo como elemento a partir do cal asentar unha oferta turística diferenciada”. Nesta dirección, precisamente, traballa a Ruta do Viño de Valdeorras.

Montserrat Rodríguez puxo tamén en valor a figura de Florencio Delgado Gurriarán, autor valdeorrés ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, lendo algunhas partes dun texto que este autor corgomés publicou na revista “Saudade”, editada polos galeguistas exiliados en México e continuou o seu discurso convidando a todos a visitar o inxente patrimonio natural, histórico e cultural de Valdeorras no marco das Xornadas.

As inscricións para participar nas diferentes actividades promovidas ao abeiro das XI Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños de Valdeorras están xa abertas na web rutadelvinovaldeorras.com.

Artigos relacionados

Back to top button