EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Ruta do Viño de Valdeorras asina un convenio con Abanca

 

A Asociación Ruta do Viño Valdeorras e Abanca veñen de asinar un convenio de colaboración o 2 de marzo. No acto da rúbrica participaban o presidente desta ruta e a súa técnica, Joaquín Sánchez Rodríguez e Cristina Núñez, respectivamente; o director de zona de Abanca en Ourense Este, Diego Daniel Fernández Borrajo, e o director da oficina de O Barco, José Vicente García Méndez.

Esta asociación valdeorresa inclúe dende adegas ata concellos, pasando por hoteis ou locais de hostalaría, e a través deste convenio o banco achega “un plan de financiamento que responde de maneira integral ás súas necesidades. O documento inclúe produtos e servizos que permiten tanto acometer investimentos, como reforzar a competitividade destas empresas ou organismos. Así, os asociados contarán con produtos especificamente deseñados, entre os que destacan préstamos persoais e hipotecarios ou leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros moi competitivos”, segundo se informaba tras a sinatura.

A asociación terá á súa disposición outros produtos e servizos como pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, avais, corfirming ou factoring, segundo as súas necesidades. O convenio tamén reserva un espazo á internacionalización grazas ás liñas de comercio exterior e ao financiamento oficial a través de diversos programas do ICO e as SGR galegas.

Do mesmo xeito, os asociados poderán acceder, entre outras vantaxes, ao Programa Cero Comisións de Abanca, “que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingreso de cheques ou outros servizos habituais. ABANCA, ademais, poñerá a súa disposición a banca electrónica, o Bróker Online ou ABANCA Pay. Tamén o servizo Appúntame, para xestionar de xeito sinxelo calquera tipo de cotas, domiciliacións ou subscricións tanto para eles como para seus clientes”, segundo esta entidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button