CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

A Ruta do Viño de Valdeorras entrega os premios do I Concurso de Fotografía

Os traballos presentados, un total de 42, poden verse nunha mostra instalada no Teatro Lauro Olmo do Barco

 

Viñedos, acios de godello, de mencía e mesmo de garnacha, a recollida da uva e o seu pisado tradicional, o cromatismo do outono no viñedo, copas de viño… A vitivinicultura valdeorresa retrátase en ata 41 imaxes no I Concurso de Fotografía Horacio Fernández Presa, convocado pola Asociación Ruta do Viño de Valdeorras e cuxos premios se entregaban na tarde do 19 de novembro no Teatro Lauro Olmo do Barco. A súa temática era a vendima e as diferentes etapas do viñedo.

“Valdeorras ten moito que amosar”, dicía ao inicio do acto Joaquín Sánchez, presidente da Ruta do Viño de Valdeorras,  en referencia non só ao patrimonio vitivinícola sendo indo máis aló e falando tamén dos recursos histórico-artísticos da zona, que serán obxecto da temática do concurso en futuras convocatorias. Explicaba ademais que esta primeira edición do premio leva o nome de Horacio Fernández Presa, considerado o pai da uva godello.

“Horacio chega a Valdeorras no ano 67 da man de Extensión Agraria e, xunto cun grupo de xente, forma a asociación Revival (Reestruturación de Viñedos de Valdeorras), que será o embrión do godello actual, que hoxe en Valdeorras está sendo un gran embaixador”, explicaba Sánchez, moi preto da viúva de Horacio Fernández e dunha das súas fillas. Ademais adiantaba que en cada edición este concurso fotográfico levará o nome dun persoeiro valdeorrés vinculado ao viño, “temos moitos e pouco coñecidos”, matizaba.

 

Álvaro Rodríguez recibindo o premio de mans da viúva de Horacio Fernández.

 

O ganador deste primeiro concurso era o rues Álvaro Rodríguez Pérez “Purre” coa imaxe “ Vendimia a contraluz”, quen lle adicaba o premio aos seus pais, presentes no acto. Agradecía o recoñecemento e tamén esta iniciativa da Ruta do Viño “que ensalza, se cabe máis, o patrimonio que temos e que penso que é un tesouro”.  Ademais agradecíalle ao seu amigo Arsenio “que nunha destas saídas nas que imos facer pousase de modelo e que agarrase o cesto”. E, finalmente, explicaba o sentido da foto, inspirada no momento culme da viticultura: a vendima, tendo como fondo un tono dourado. “Quería reflexalo como se fose unha hora dourada, de ouro, xa que é o momento máis culminante de todo o ano ao recoller a uva”, indicaba.

O segundo premio do concurso era para a foto “Noventa anos entre viñedos” de Margarita Rodríguez Blanco e o terceiro para Arsenio Blanco Gayoso pola imaxe “Racimo Otoñal”. As tres fotos premiadas, xunto cos outros 39 traballos presentados por 21 autores, estarán expostas a partir de agora na planta baixa do Teatro Lauro Olmo do Barco.

 

O alcalde do Barco facendo entrega do terceiro premio a Arsenio Blanco.

 

O presidente da Ruta do Viño de Valdeorras concluía a súa intervención pedindo unidade para desenvolver os recursos patrimoniais e turísticos da comarca e propoñía retomar a idea de crear un consorcio ou un patronato de turismo, poñendo como exemplo as entidades deste tipo que están a funcionar en denominacións de orixe próximas como Bierzo (León) ou Ribeira Sacra (entre as provincias de Ourense e Lugo).

Esta entrega de premios, que era ao mesmo tempo o acto inaugural da exposición, finalizaba cunha degustación de viños da D.O. Valdeorras acompañada de petiscos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close