CulturaCulturaÚltima hora

A Ruta do Viño do Ribeiro acolle a presentación da revista “Nós, a Xente do Redor”

Será o vindeiro domingo na igrexa da Madalena en Ribadavia

 

A Igrexa da Madalena de Ribadavia, no corazón do Ribeiro, acollerá o vindeiro domingo 17 de outubro a presentación do numero cinco da revista “Nós, a Xente do Redor”, coa presenza de medio cento dos seus autores. O acto comezará as 12h. e concluirá cun xantar de confraternidade no restaurante Arnoia Caldaria Hotel Balneario.

Ademais de presentar o contido do número cinco desta revista, durante este evento farase entrega de dous exemplares a cada un dos seus autores mais unha lamina coa reprodución da portada, ilustrada polo artista ourensán Antón Pulido. Así mesmo farase entrega de dous cadros a dous dos seus patrocinadores (A Ruta do Viño do Ribeiro e a Aplitec Suministros industriais) agradecendo a súa implicación neste proxecto.

A presentación contará coa presenza do presidente do C.R.D.O Ribeiro e da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara; da alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez Travieso, e de Rosendo Luis Fernandez, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, os dous últimos colaboradores habituais na revista.

O encontro terá unha parte musical a cargo do acordeonista Maximino Miguez Salgado dende a comarca do Deza e do músico Juan Ruibal da Estrada, organizador do evento Lume na Palleira.

O director da revista “Nós, a xente do redor”, Avelino Jácome, salenta a importancia de presentar este número no Ribeiro, “Para nos cada novo número e un novo milagre. Nesta ocasión queremos facer un brinde no Ribeiro, coma unha homenaxe a aqueles grandes homes da xeración Nós que foron os guieiros da cultura galega e tamén ás terras do Ribeiro. Farémolo na súa capital Ribadavia, berce de culturas e referencia da nosa lingua e das nosas tradicións, nun marco icónico cargado de historia e de beleza como é a Igrexa da Madalena”.

O presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Casares, salienta a colaboración tanto desta entidade como do Consello Regulador coas iniciativas de carácter cultural, “Calquera manifestación cultural galega, sobre todo se teñen o impulso popular, é sempre benvida e contará co apoio do Ribeiro, nos esquezamos que esta comarca historicamente é berce de cultura e patrimonio”.

Artigos relacionados

Back to top button