DeportesÚltima hora

A saltadora valdeorresa Leticia Gil, terceira no campionato de España de atletismo por federacións

A selección galega absoluta, da que tamén formaban parte outros tres atletas relacionados con Valdeorras, lograba un “fantástico” quinto posto nesta competición que se celebraba o 14 de xullo en Granollers
A saltadora Leticia Gil nunha competición anterior./ Foto cedida.

O atletismo galego consolídase “un ano máis entre o top do atletismo nacional”. Deste xeito valora a Federación Galega de Atletismo (FGA) os resultados acadados no XLIII Campionato de España por Comunidades, que se celebraba o 14 de xullo en Granollers. A selección galega absoluta, dentro da cal había ata catro representantes valdeorreses, conseguía un “fantástico” quinto posto, en palabras da FGA.

Os atletas galegos sumaban un total de 374 puntos “superando a seleccións importantes como a vasca e manchega. Con este posto Galicia afianza esta importante posición lograda xa nos anos 2013, 2014, 2015 e 2017 e na que tan só o ano 2016 baixaría ata o sétimo posto”, sinalan dende a federación galega.

A ese resultado contribuían tamén os atletas valdeorreses. Destacaba a terceira posición de Leticia Gil Pérez na lonxitude cun salto de 6.09 metros. Era o único podio da comarca, se ben destacaban os quintos postos dos valdeorreses Alejo Ares (Adas) nos 5.000 m e de Carlos Revuelta Parra na final de martelo. Ademais Leticia Fernández, atleta tamén do Adas, era quinta na final A dos 800 metros.

 

A selección galega absoluta de atletismo en Granollers, da que formaban parte catro atletas vinculados a Valdeorras./ Foto: FGA.

 

Neste campionato de España por autonomías impoñíase a selección catalana con 497 puntos, seguida da andaluza e madrileña con 426,5 e da valenciana con 423. A FGA tamén destacaba a “gran competitividade amosada por todos e cada un dos integrantes do combinado que, de novo, mostraron o seu compromiso e entrega en todas e cada unha das probas, pelexando ata o límite das mesmas”.

Artigos relacionados

Back to top button