OurenseÚltima hora

A San Martiño “máis inclusiva” da súa historia conta xa con máis de 5.500 inscritos

A XLII edición da carreira popular de Ourense celebrarase o 18 de novembro a partires das 11 da mañá
Participantes na anterior edición atravesando a Ponte do Milenio. /Foto: Carlos G. Hervella.

Por primeira vez a Carreira Pedestre Popular San Martiño de Ourense que se celebrará o domingo 18 de novembro, incluirá un circuíto para persoas con diversidade funcional, converténdose na edición máis inclusiva da súa historia. É a principal novidade dunha edición con varios cambios, como a emisión da carreira via streaming través dunha pantalla xigante nos Remedios ou o avituallamento na rúa Pardo de Cela.

A San Martiño “é a festa do deporte na que todo o mundo, sen distincións de ningún tipo, está chamado a participar en igualdade de condicións”, dixo o alcalde de Ourense Jesús Vázquez, na presentación da proba. Un acto que tiña lugar no Concello na mañá do 30 de outubro e contou coa presenza da secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez; do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do concelleiro de Deportes, Mario Guede; Fernando Garza, responsable provincial de Caixabank Fernando Garza; e do xerente do Consello Municipal de Deportes Mario González. Tamén asistiron representantes das entidades colaboradoras e o deportista que máis veces ten gañado a proba incluída a anterior edición, o atleta Alejandro Fernández.

 

Presentación da XLII Carreira Pedestre Popular San Martiño de Ourense.

 

A nivel deportivo, a carreira contará con catro categorías. A proba absoluta, para nados ata o 2001, terá un percorrido de 10 quilómetros e será a primeira ás 11h. A proba escolar, para persoas nadas entre o 2002 e o 2007, terá un percorrido de 4,7 quilómetros e a saída producirase ás 12:30h. O circuíto para cativos, nados entre 2012 e a actualidade, terá un percorrido de 1,4 quilómetros con saída prevista para as 13:30 horas. Será este mesmo circuíto, o que acolla a primeira carreira inclusiva para persoas con diversidade funcional.

Con respecto á participación, o rexedor ourensán adiantou que a día de hoxe hai xa máis de 5.500 persoas anotadas, polo que a previsión é rondar preto dos 12.000 inscritos. “Se o tempo acompaña situarémonos nesa cifra que nos converte na carreira homologada de 10 quilómetros máis importante de todo o noroeste peninsular”, dixo. A secretaria xeral para o Deporte Marta Míguez, resaltou que este ano o San Martiño “será unha proba inclusiva que servirá para demostrar que o deporte serve para romper barreiras”.

O prazo de inscrición para participar estará aberto ata o 11 de novembro a través da páxina web do Concello Municipal de Deportes e a plataforma championchipnorte.com. A recollida de chips e dorsais será o venres, 16 de novembro, e o sábado 17 de novembro en Expourense, coincidindo coa celebración de Sportur.

Artigos relacionados

Back to top button