CulturaCulturaÚltima hora

A segunda edición de M.AR.C.O. Petín celebrarase do 13 ao 15 de agosto

A programación de verán no concello de Petín inclúe tamén títeres, maxia e proxeccións cinematográficas

Imaxe da I edición de M.AR.C.O. Petín. /Foto: Víctor Santos.

 

Petín é outro dos concellos da comarca de Valdeorras que presenta un verán cargado de actividades nas que, unha vez máis, os pequenos serán os protagonistas. Para eles, cativos de 3 a 12 anos, está pensado o Diver Petín, en marcha ata o 31 de agosto.

Ben avanzado xa este mes de xullo chegará unha data moi especial para este concello, as festas patronais na honra a Santiago Apóstolo (día 25) e Santa Ana (día 26), aínda que nesta ocasión o programa reducirase ao apartado relixioso e ao musical, pero sen orquestras. Para os días centrais da festa dende o Concello contrataron dúas charangas que farán ás veces a función das orquestras, con sesión vermú e tamén sesión de tarde na praza José Quiroga. O domingo 25 será a charanga Támega quen amenice a xornada mentres que o luns 26 tocaralle o turno a Achicoria. Con respecto ao apartado relixioso, unicamente terán misa os dous días, ás 13 horas, en principio sen procesión, tal como adianta o párroco.

A partir de aí, sucederanse as actividades, variadas e para todos os públicos, “sempre e cando a situación sanitaria o permita”, puntualiza a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista. A maxia virá da man do Mago Antón que presentará A Volta a Galicia en 313 Concellos (23 de xullo); o humor co Monólogo de Pepo Suevos (28 de xullo); o teatro, coa representación Duncan de Palleiro (10 de agosto); e os títeres con Vacacións no mar (19 de agosto). As catro, actividades enmarcadas no programa do Agadic “Cultura no Camiño”. Tamén haberá proxeccións nos pobos. En Freixido, o filme Cuñados (8 de agosto); e na Portela e Mones o documental Desafío do Sil (data pendente de confirmar).

Ademais volverase a organizar a exposición de pintura e escultura ao aire libre M.AR.C.O. que durará tres días en lugar de dous (do 13 ao 15 de agosto), ampliando tamén o espazo expositivo en pleno casco vello. “Tamén contaremos con máis artistas”, di a alcadesa, asegurando que á cita non faltarán os que xa participaron o ano pasado, artistas da comarca tan recoñecidos como Lito, Conde, Torino ou Carina.

 

Artigos relacionados

Back to top button