DeportesÚltima hora

A selección de Mondelo cae ante unha intratable Australia e loitará polo bronce con Bélxica

O equipo español volverá a enfrontarse por segunda vez coas belgas neste mundial de baloncesto feminino e tratará de sacarse a espiña da derrota do 25 de setembro

 

Lucas Mondelo dando instruccións ás xogadoras da selección española no partido con Australia.

 

Sabían que estaban ante un gran equipo e que ía ser un partido moi duro e complexo. E así foi. A selección española do valdeorrés Lucas Mondelo loitaba na noite do 29 de setembro en Teneferie por facerlle fronte a unha Australia que chegaba invicta e que baseaba todo o seu esquema de ataque nunha única xogadora, Cambage, quen chegaba a anotar máis de trinta puntos. Aínda que o bo traballo despregado polas españolas facía sufrir ás rivais, non daba os seus froitos e vían como a praza para a final con Estados Unidos quedaba en mans de Australia.

Era esta selección quen comezaba o encontro adiantándose e completando o primeiro cuarto con 15/23. Nos seguintes dez minutos de xogo España poñía en marcha unha excelente defensa e aproveitaba os minutos nos que Cambage non estaba en pista, chegando a igualar o marcador a 30 e rematando este segundo cuarto cun punto por diante (35/34). Tamén resultaba positivo para as de Mondelo o terceiro cuarto, que concluía cun triple de Laia Palau co que España se colocaba oito puntos por diante de Australia.

 

Mondelo coas xogadoras no banquiño xusto ao rematar un dos tempos mortos.

 

Sen embargo, no derradeira cuarto do partido a selección española atascábase nos puntos e sufría mantendo unha boa defensa pero vendo como os tiros non entraban, mentres as australianas seguían anotando e chegaban ao final do tempo de xogo cun marcador de 66 a 72. Un resultado que as convertirá nas rivais dos Estados Unidos na final.

Agora España terá que loitar polo bronce. Será nun novo partido fronte a Bélxica no que terá a oportunidade de quitarse a espiña cravada tras perder neste mundial con esta mesma selección o 25 de setembro.

Artigos relacionados

Back to top button