BaloncestoDeportesÚltima hora

A selección española, dirixida por Mondelo, nos cuartos de final no Eurobásket feminino

Facía valer claramente a súa autoridade fronte a Montenegro, que caía cun marcador de 78 a 51

 

Era un partido decisivo e España, novamente, non defraudaba. Cunha gran ovación do público de La Fonteta culminaba o partido que o combinado español, dirixido polo seleccionador de orixe valdeorresa Lucas Mondelo, disputaba esta noite fronte a Montenegro e no que se xogaba a súa permanencia no Eurobásket feminino e o paso a cuartos.

As xogadoras españolas, entre elas as ourensás Raquel Carrera e Paula Ginzo, amosaban a súa gran calidade, talento e xogo en equipo ao longo dun partido, no que pouco o combinado de Lucas Mondelo se ía adiantando e asegurando a súa vantaxe.

O primeiro tempo remataba con oito puntos a favor para España, que xa no segundo continuaba marcando un forte ritmo, cunha moi boa defensa e movendo o balón en ataque, sementando a desesperación en Montenegro. O partido chegaba ao descanso cun marcador de 45 a 27, cunha diferenza de 18 puntos favorable a España.

O combinado español mantiña o seu ritmo tras o tempo de descanso, mentres o seleccionador continuaba movendo o banquiño e Montenegro non atopaba opcións para romper a defensa española e remontar no marcador chegando á fin do terceiro cuarto en 70/45, o que supoñía unha vantaxe de 25 puntos para España. A selección remataba o partido cun resultado de 78 a 51 que lle garante o pase a cuartos de final, onde se medirá o vindeiro mércores ás 21h. con Serbia. Será a quinta edición consecutiva de España na loita polas medallas nun europeo.

Nas bancadas de La Fonteta (Valencia) estaban, un partido máis, a familia valdeorresa de Lucas Mondelo apoiando á selección fronte a Montenegro.

 

Un familiar de Lucas Mondelo animando á selección española no Eurobásket./ Cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button