CulturaCulturaÚltima hora

A serie documental sobre Florencio Delgado Gurriarán pon o broche cun capítulo centrado na súa poesía

Da alegría de vivir e a sensualidade á poesía antifranquista e a musicalidade do son veracruzano

Publicidade
Débora Álvarez Moldes, directora do Proxecto ‘As Letras de Florencio’ é unha das protagonista do 4º e último capítulo.

 

O mes de maio arrinca cheo de versos do protagonista do Día das Letras Galegas 2022, tamén dende o audiovisual. A Real Academia Galega estrea hoxe o cuarto episodio da serie documental Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda, unha entrega centrada na poesía do autor valdeorrés que descobre unha traxectoria poliédrica que abrangue dende unha sensualidade unida á paisaxe do viño da súa terra, Valdeorras, ata a poesía satírica antifranquista e, xa dende o exilio, un feixe de poemas singulares na literatura galega que fan súa a forza tímbrica do léxico náhuatl e a musicalidade do son mexicano.

Distintas voces afondan na produción literaria do protagonista do Día das Letras Galegas no novo capítulo da serie sobre o autor valdeorrés producida pola Real Academia Galega. Segundo Víctor F. Freixanes “O seu primeiro poemario, Bebedeira, é un libro da alegría de vivir, da reivindicación e da afirmación da sensualidade da vida, do amor, dos costumes e das tradicións da terra de Valdeorras”. Segundo Miro Villar, “Florencio  Delgado Gurriarán é un poeta erótico con toda a  contundencia da palabra. É algo queA empeza el na literatura galega xunto a Carballo Calero”. No caso de Xesús Alonso Montero, asegura que “El xa fixo poesía política antes do 36, con poesía galeguista e sociolingüística” e Débora Álvarez Moldes: asegura que “detrás da sinxeleza da súa poesía hai traballo e elaboración, un retoque infindo”.

Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda arrinca co retrato máis próximo e íntimo dun home de carácter alegre e conciliador, amigo do baile e da música, como demostra parte da súa poesía. O episodio 2 conta a súa entrada en contacto co galeguismo organizado e a súa participación na resistencia republicana, na que se implicou activamente nos labores de evacuación cara ao exilio de compatriotas, e o 3 céntrase no exilio mexicano, onde foi un dos artífices da revista Vieiros. Tras o cuarto capítulo dedicado á poesía de Delgado Gurriarán, o xoves que vén a RAG estreará o derradeiro, sobre a lingua dun autor que proxectou o galego de Valdeorras, que é tamén motivo de reivindicación a través da súa obra nestas Letras Galegas 2022.

 

Artigos relacionados

Back to top button