AletismoDeportesÚltima hora

A sexta edición da proba nacional “Ourense Termal Athletics Meeting” terá lugar o vindeiro venres

Participarán máis de 160 deportistas a partir das 18:00 horas

Máis de 160 deportistas daranse cita na VI edición do “Ourense Termal Athletics Meeting” que se celebrará o venres, 21 de agosto, a partir das 18:00 horas, na pista de atletismo do Campus de Ourense.

Esta proba de ámbito nacional incluída no calendario oficial da Real Federación Española de Atletismo é “unha das competicións con maior nivel deportivo das que se celebran en Galicia durante a tempada”, afirmaba o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación deste evento deportivo hoxe no Pazo Provincial, acto no que tamén participou o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; o director da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, Alfonso Mandado; e o coordinador xeral de “Ourense Termal Athletics Meeting”, Eladio Gómez.

 

Durante a presentación da actividade.

 

Neste senso, o coordinador da proba defendía que o “Ourense Termal Athletics Meeting” situouse na edición de 2019 “no posto número 12 do ranking nacional de competicións en pista ao aire libre (ranking elaborado pola RFEA)” e que esta edición de 2020 ten “unha especial relevancia porque tódolos atletas destacados precisan facer marcas para obter praza nos diferentes campionatos autonómicos e nacionais”, engadiu Eladio Gómez.

A organización da VI edición do “Ourense Termal Athletics Meeting” estaba prevista, segundo Eladio Gómez, para o 9 de maio deste 2020, pero tivo que aprazarse ata esta data por mor da crise sanitaria provocada pola Covid-19. Por elo, o coordinador xeral da proba explicou que se desenvolverá segundo o protocolo de actuación para o retorno ás competicións atléticas oficiais de Galicia FisiCovid-DXT Galego en vixencia nese momento, e sinalou que a competición se celebrará a porta pechada, sen público.

As probas que se disputarán na competición son: 100 metros, 200 metros, 400 metros, 800 metros, lanzamento de peso, salto de altura, “e como novidade, incorporamos unha nova proba ao programa co salto de lonxitude, polo que engadimos a 10 atletas máis que sumados aos 154 inscritos fará que participen un total de 164 atletas neste “Ourense Termal”, sinalou Eladio Gómez, quen engadiu que haberá premios económicos para os homes e mulleres que obteñan as tres mellores marcas do meeting por táboa World Atlhetics.

Artigos relacionados

Back to top button