En portadaÚltima hora

A sinalización do Camiño de Inverno farase no 2020

Así o anunciaba o conselleiro de Cultura durante a presentación no Parlamento do plan estratéxico do Xacobeo 2021

“O Xacobeo é unha oportunidade que debemos aproveitar, un evento de trascendencia global” dicía o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, durante a súa comparecencia no Parlamento galego na mañá do 10 de setembro para presentar o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021. Este plan determinará “onde queremos chegar e o camiño que queremos seguir nos próximos anos”, indicaba.

Román Rodríguez referíase na súa intervención aos fundamentos deste plan, aos valores, principios e retos que establece, aos eixos do proxecto e a como se estrutura a súa programación. E destacou que este documento é froito “dun proceso participativo que implicou a máis de 600 persoas, durante oito meses de traballo e varios centos de enquisas”.

Subliñaba que o documento inclúe como eixos estratéxicos a “implicación da poboación, a descentralización territorial, unha programación máis repartida temporalmente ou o obxectivo de levar a cabo accións sustentables e perdurables no tempo”. E para levar a cabo estes eixos este documento conta con diversos plans específicos como o de mantemento dos camiños de Santiago, que comezará a executarse “de inmediato” e que suporá un investimento de 15,6 millóns de euros que “chegarán a 121 concellos”.

 

 

Citaba ademais o plan de sinalización dos camiños, no que este ano os labores centráronse na Vía da Prata, na que se prevé actuar este outono con 3 millóns de euros para o seu acondicionamento, mentres que no 2020 será a quenda da sinalización no Camiño de Inverno. “Sinalizarase conforme ao plan director dos Camiños de Santiago nos 14 concellos (das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra) polos que pasa a ruta, que por certo é fantástica”, indicaba o titular da Consellería de Cultura.

Establécense tamén un plan de embelecemento das rutas do Camiño, outro de rehabilitación dos Bens de Interese Cultural destas rutas e un novo plan de albergues para “reforzar a rede de albergues públicos e ampliala coa creación de novos albergues, atendendo a criterios como a descentralización dos fluxos turísticos”, segundo Román Rodríguez. A el destinaranse máis de 7 millóns de euros.

Os grupos políticos da oposición no Parlamento amosaban unha postura claramente crítica co plan e co plantexamento deste Xacobeo 2021. Así, Francisco Casal, do grupo mixto, cualificaba de “folleto propagandístico o plan”, matizando que estaba “cheo de boas intencións, pero sen concreción algunha” e preguntaba “onde están os obxectivos concretos e avaliables”.

Para a deputada nacionalista ourensá Noa Presas, o plan é “papel mollado” e constitúe unha “suma de xeneralidades, froito dunha espiral de propaganda detrás da que non hai proxecto, nin modelo de Xacobeo, nin modelo de país nin vontade algunha de diálogo máis que con vostedes mesmos”. A deputada do BNG considera será “unha oportunidade perdida porque a estratexia do plan Xacobeo non responde a unha diagnose profunda, nin é froito do diálogo e do consenso”.

Pola súa banda, Ánxeles Cuña, deputada por Ourense do Grupo Común da Esquerda, pedía que se siga “un modelo de turismo sostible e desestacionalizado” de cara ao Xacobeo 2021 e que o seu plan estratéxico se basee na “protección da riqueza cultural, paisaxística e medioambiental de Galicia”, impulsando “estratexias multifuncionais a prol dunha conservación activa do patrimonio”.

Finalmente, a voceira do grupo parlamentario socialista, Concepción Burgo, aludía á “falla de coordinación entre os concellos do Camiño e a consellería”, así como “ás malas condicións das infraestruturas, información e sinalización, a falla de seguridade ou mesmo da atención médica”. Tamén criticou que “en 10 anos apenas fixeran 12 albergues públicos e carezan de ningún tipo de planificación fronte á masificación”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button