CulturaCulturaÚltima hora

A singular obra da pintora barquense Lola Doporto reencóntrase co público

Os seus cadros poden verse na galería de arte Souto, vén de publicar un catálogo coa súa traxectoria plástica e prepara novas exposicións

 

Cuns trazos, unha estética e unha temática marcadamente persoal e diferente, a barquense Lola Doporto segue dando pasos firmes no mundo da pintura. Continúa pintando, evolucionando na técnica e tamén nos temas, pero sen deixar o seu recoñecible estilo. Ao mesmo tempo, esta creadora, natural de Millarouso, aposta por achegar a súa obra ao público, tratando de sortear as limitacións da situación sanitaria actual.

Un primeiro paso dábao o pasado outono, cando recuperaba o que foi o seu primeiro espazo expositivo: o escaparate de Miranda Moda, cunha escolma de 10 obras que baixo o título “As marionetas de Lola Doporto”, resumían a súa evolución plástica nos últimos seis anos. Seis anos de pintura impregnada dunha intensa experiencia persoal, que propiciaron unha singular evolución na súa obra, protagonizada polas marionetas de miradas subxugantes.

A escuridade, tristuram enfado e mesmo temor que transmitían os seus  cadros iniciais, íanse modulando co tempo para deixar paso á luz, á color, á música, ao humor, ao xogo…. “Creo que é unha obra que impacta, non pasa desapercibida, que te atrapa, pasas ao seu lado e tes que volverte Ademais encántame que o cadro transmita unha emoción, un pensamento, e que o público poida levalo ao seu terreo”, conta a autora.

 

Un dos cadros de Lola Doporto expostos na galería de arte Souto./ Cedida.

 

Esa traxectoria pictórica, aínda viva, vén de reunila nun catálogo preparado con moito mimo e ilusión nos últimos meses e que vén de saír á luz baixo o título “Pintura-.-Lola Doporto. Nel conta con colaboracións moi especiais. Unha delas é a do prestixioso escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, que lle adica, nada máis abrir a publicación unha agarimosas palabras: “Acabo de permitir a entrada no meu peito do mundo diverso e conmovente de Lola Doporto. Espero que estas formas plásticas, co seu relato misterioso interno, vaia incluirse no interior dos meus soños”.

Ademais, o medio cento de obras reunidas neste catálogo, nas que o óleo liso e máis impresionista vai deixando paso aos volumes, á espátula mesturada con acrílico; están introducidas por un texto de J.A. Porto no que, partindo do valor simbólico das marionetas ao longo da historia, achega o sentido que lles dá Lola Doporto nos seus lenzos e como ese sentido ten ido mudando co paso dos anos ata hoxe: “A parte máis actual da obra está dedicada a músicos que amosan xa unha actitude abertamento orgullosa e incluso desafiante, e cuns trazos claramente humanos. Fadas modernas a lombos de mouchos que se desprazan sobre a cidade durmida, touros protectores que acompañam e vixían a muller sobre os tellados de Santiago, e marionetas con estética futurista forman parte dun universo onírico presente tamén na obra de Lola Doporto”.

 

Portada do catálogo de Lola Doporto.

 

Este catálogo vén a encetar tamén un proxecto expositivo no que Lola Doporto ten estado preparando nos últimos meses. A súa obra pode xa verse na galería de arte Souto, con sedes en Ourense (praza de Paz Novoa, 1) e Vigo (Rosalía de Castro, 41). Xa de cara ao verán prepara unha exposición na cidade de Ourense e máis adiante unha en Madrid, entre outras.

Precisamente achegar a súa obra ao público foi un paso que lle custou moito dar hai xa seis anos pero agora, tras as exposicións realizadas e a boa acollida que está tendo a súa obra, aposta por continuar por ese camiño, con emoción e un gran agradecemento ás persoas que a impulsaron a inicialo, mentres segue dando renda solta a súa creatividade sobre o lenzo.

 

Detalle do cadro “Títeres I”, incluído no catálogo.

Artigos relacionados

Back to top button