SanidadeÚltima hora

A situación epidemiolóxica do concello de Ourense, cara unha incidencia crecente en persoas de maior risco

Isto ten motivado a intensificación das medidas de prevención que entraron hoy en vigor para limitar a súa transmisión, segundo sanidade

Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ante as recomendacións feitas polo subcomité clínico, sobre a evolución epidemiolóxica do concello de Ourense, a Consellería de Sanidade vén de intensificar as medidas de prevención neste municipio, co fin de limitar os contaxios de Covid-19, como restrinxir a dez o máximo de persoas en xuntanzas de carácter privado, limitar o aforo dos establecementos de acceso público ao 50%, os accesos aos centros sociosanitarios e o peche dos Centros de Día.

Segundo se recolle no informe sobre a situación epidemiolóxica no Concello de Ourense, elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública (con data de onte), na comarca de Ourense, a taxa acumulada a tres días está a subir, sendo a maioría dos casos na cidade. Asemade nos distintos casos e gromos rexistrados existe, subliñan, unha circunstancia preocupante, “a media de idade das persoas máis afectadas é superior á do resto de Galicia”. Polo que ten características de alto risco, tendo en conta a taxa de incidencia, o número de cadeas de transmisión e a porcentaxe de probas PCR positivas.

Proba delo é que do total de casos activos no concello e a súa área de influencia o 21% correspóndense con persoas maiores de 65 anos e o 13% a maiores de 75. Asemade, esta bisbarra centraliza un crecente número de gromos tanto na cidade como en concellos periféricos nos últimos días, en Vilamarín, Barbadás, San Cibrao das Viñas ou Coles.

Limitar as xuntanzas familiares ou de amigos

Desta situación derívase a adopción urxente destas medidas de prevención específicas no concello, publicadas onte ás 23 horas no Diario Oficial de Galicia e vixentes xa, co obxectivo de facer fronte ás cadeas de transmisións existentes, e posibilitar a súa contención. De forma especial, considérase imprescindible limitar os grupos de persoas para o desenvolvemento de calquera actividade, ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, e espazos públicos e privados, e as limitacións de festas, verbenas e outros eventos populares e multitudinarios, tendo en conta os riscos asociados a elas e a idade da poboación a que está afectando de forma predominante o virus xa neste momento.

De feito, desde que comezou o reponte de casos, no conxunto da provincia a orixe mais habitual dos gromos foron xuntanzas e celebracións familiares e de amigos, bautizos, xantares polas festas patronais, cumpleanos, etc.. en moitos casos cunha orixe importada derivada polo retorno dos ourensáns da diáspora, provenintes de países ou comunidades autónomas, cunha alta taxa de coronavirus.

Desta situación inicial, pasouse recentemente ao primero gromo de carácter social, que afecta especialmente ao barrio de Mariñamansa, na actualidade con 26 casos activos, dous deles ingresados, e motivou o cribado preventivo, ademais do seguemento habitual dos contactos dos pacientes positivos. Por medio do cribado realizáronse probas, PCR, a 287 veciños e persoal dos establecementos da zona, dos que tan só 2 resultaron positivos.

Medidas extraordinarias

Asemade, o informe considera que se deben tomar medidas concretas respecto ao concello de Ourense, xa que nel se concentra a maioría dos casos, como restricións respecto ao tamaño dos grupos, establecendo un máximo de 10 persoas para grupos non conviventes, limitacións de capacidade en establecementos comerciais, hostalaría e restauración, limitacións para a celebración de eventos e restricións respecto a festas, verbenas ou actuacións.

Adicionalmente, de acordo co principio de precaución, deben adoptarse medidas en relación cos centros sociosanitarios, pola centralización de poboación especialmente vulnerable e de maior risco, como centros de día que se pechan salvo para determinadas actividades terapeúticas illadas e Residencias Sociosanitarias, nas que se limitan as visitas e se restrinxen as saídas de residentes.

Deste xeito, neste intre hai limitación en Ourense das reunións privadas ata un máximo de 10 persoas; o aforo redúcese ao 50% nos comercios e hostalería, se prohibe o consumo na barra, e restrinxése tamén ao 50% do seu aforo as bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros.

No caso de celebracións como bodas, bautizos e comunións non poderán superar o 50 % do aforo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, que non afectarán aos eventos previstos xa para esta fin de semana, para os que as autoridades sanitarias instan a prudencia e o cumprimento das medidas de seguridade e etiqueta respiratoria e, por suposto, a non acudir ante a menor sospeitaa ante síntomas compatibles con Covid.

Artigos relacionados

Back to top button