CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A soberina Sara Méndez gana o concurso de música contemporánea do Royal College of Music de Londres

Esta integrante da Banda de Música de Sober está a cursar un máster en Performance no conservatorio do Royal College of Music
A saxofonista Sara Méndez, natural de Proendos (Sober)./ Foto cedida.

A saxofonista Sara Méndez, natural de Proendos (Sober), vén de ganar o concurso de música contemporánea do Royal College of Music de Londres. Esta intérprete asegura que se trata dunha satisfacción persoal recibir este recoñecemento no conservatorio londinense. “Sempre é unha motivación que se recoñeza o traballo que facemos”, di.

Nestes momentos esta soberina, integrante da Banda de Música local, está a cursar un máster en Performance no conservatorio do Royal College of Music, becada polos Big Give Awards. O seu mestre é Martin Robertson.

Dende o Concello de Sober o seu alcalde, Luis Fernández Guitián, expresaba as súas felicitacións a Méndez e agradecía poder contar na Banda de Música deste municipio cunha integrante da súa talla musical, “unha saxofonista extraordinaria que xa ten ofrecido concertos en Sober e que leva o nome do Concello polo mundo adiante”.

Traxectoria

Méndez, nacida en Sober en 1993, cursou estudos superiores na Aula Internacional de Saxofón do Conservatorio das Illas Baleares, un dos centros máis prestixiosos desta disciplina. En Palma estudou con Rodrigo Vila e David Brutti.

En 2014, coas Xuventudes Musicais de Sober, ofreceu un emotivo concerto na Igrexa de Proendos. Na actualidade cursa un máster de performance no Royal College of Music e fará o recital de fin de máster o día 28 deste mes.

Artigos relacionados

Back to top button