PolíticaÚltima hora

A socialista Marina Ortega pide no Parlamento galego medidas para solucionar “as listas de agarda no servizo de atención temperá da Xunta”

A voceira de Política Social do PSdeG referíase á situación que "están a vivir 24 nenas e nenos da Mancomunidade Conso Frieiras"

A deputada por Ourense do PSdeG-PSOE, Marina Ortega, no Parlamento galego./ Cedida.

 

A voceira de Política Social do grupo socialista, Marina Ortega, propoñía no Parlamento galego medidas “para solucionar as listas de espera e a cobertura no servizo de Atención Temperá da Xunta, especialmente nas zonas rurais”, logo de referirse a listas de espera “dun ano neste servizo”. Fíxoo a través da presentación de variase iniciativas na Cámara galega

“O feito de que as listas de agarda demoren o acceso dunha persoa menor ao servizo de atención temperá pode supor un detrimento na súa propia saúde, nas facultades e no desenvolvemento desta ou deste menor nun momento vital e clave para o seu desenvolvemento”, apuntaba a ourensá Marina Ortega, logo de sinalar que “Galicia se atopa á cola” cando “é a comunidade autónoma que menos inviste por habitante en situación de dependencia de toda España”.

Así mesmo indicaba que os problemas no servizo de atención temperá “agrávanse nas zonas rurais, o que implica unha vulneración da igualdade de oportunidades, como ocorre”, exemplificou, “na Mancomunidade Conso Frieiras, onde as e os menores quedan directamente sen servizo de Atención Temperá durante sete meses ao ano”.

“Isto obriga a 24 nenas e nenos e as súas familias a desprazarse ata Ourense ou pagar os servizos nunha clínica privada para non perder anos fundamentais para o desenvolvemento das e dos menores. É preocupante que algunhas familias mesmo suspenden os tratamentos pola falla de recursos”, afirmaba.

A atención temperá refírese ao conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e a súa contorna que teñen como obxectivo dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou con risco de padecelos.

Ortega pediu á Xunta que deseñe, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), “as estruturas necesarias que permitan o asentamento dos servizos de atención temperá con carácter permanente e co persoal axeitado, dotando ao programa de recursos fixos e propios, adaptando os recursos á poboación diana e ampliando progresivamente o apoio financeiro para garantir o acceso ao servizo ao 100% das nenas e nenos demandantes do mesmo”.

Artigos relacionados

Back to top button