PolíticaÚltima hora

A socialista Marina Ortega pídelle á Xunta que deixe de “discriminar a Valdeorras cos recortes sanitarios”

O grupo parlamentario socialista vén presentar na Cámara galega varias iniciativas nese senso, reclamando tamén "unha acción inmediata" no referente á situación da UCI móbil

A deputada socialista por Ourense, Marina Ortega, no Parlamento galego.

 

A deputada socialista por Ourense no Parlamento galego Marina Ortega vén de presentar varias iniciativas (unha proposición non de lei e unha pregunta en pleno) na Cámara galega para reclamarlle á Consellería de Sanidade que “deixe de discriminar á cidadanía de Valdeorras” e que lle “devolva ao Hospital Público de Valdeorras os servizos que perdeu dende a reestruturación das áreas sanitarias. Aquela decisión supuxo que o hospital perdera “a súa autonomía, capacidade de organización, de xestión e recursos”.

Dende a conformación das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIs), o hospital valdeorrés, asegura Ortega, “perdeu ou viu limitados significativamente servizos coma cardioloxía, dermatoloxía, traumatoloxía, cirurxía, rehabilitación e, a última delas, a de radioloxía, obrigando aos pacientes a desprazarse ata dúas horas ao hospital de Ourense para ser atendidos ou ben ata consultas médicas privadas en Ponferrada”. Explica tamén nesas iniciativas que “o modus operandi de Sanidade pasa pola falla de incentivos aos profesionais, co que os servizos quedan sen cubrir”.

Lamenta que “pouco a pouco o Hospital Comarcal de Valdeorras perde capacidade resolutiva e recursos para ofrecer á propia cidadanía o dereito a unha sanidade pública e próxima que garanta a igualdade de oportunidades con independencia de onde vivamos”. A administración competente, sinala, “ten que evitar a perda progresiva de recursos técnicos asistenciais nun hospital que xa perdeu capacidade e facultativos en numerosos servizos pola xestión errónea da Xunta”.

É o caso, dixo, de “cardioloxía, uroloxía, traumatoloxía, dermatoloxía, cirurxía ou urxencias, provocando a vulnerabilidade dunha poboación que se atopa moi afastada do Hospital de Ourense, polo que é preciso valorar a situación xeográfica para darlle cobertura de calidade á cidadanía na sanidade pública”.

UCI Móbil

A deputada autonómica socialista tamén reclama nestas iniciativas “unha acción inmediata” para “devolverlle a operatividade á ambulancia UCI de Valdeorras, parada pola falla de diálogo e de xestión por parte da administración”. Lembra a “boa disposición amosada polos facultativos para poñer en funcionamento do dispositivo”.

Marina Ortega sinala tamén que “mentres non se negocian as condicións, a Xunta prefire investir máis recursos no desprazamento dende Ourense, cunha evidente demora no tempo de reacción pola longa distancia” e resalta que esta situación “supón un risco evidente para unha comarca totalmente afastada do Hospital de Ourense, xa que ao dependencia da UCI de Ourense provoca “un tempo inasumible para persoas en situación crítica”.

Artigos relacionados

Back to top button