PolíticaÚltima hora

A socialista Noela Blanco leva ao Parlamento galego a petición dun novo centro de saúde para A Rúa

Entre as iniciativas presentadas pola deputada ourensá figura unha proposición non de lei para o seu debate no pleno da Cámara

A deputada ourensá do partido socialista, Noela Blanco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A portavoz de Política Social do grupo socialista no Parlamento galego, a ourensá Noela Blanco, vén de presentar, xunto ao parlamentario Julio Torrado; unha serie de iniciativas parlamentarias para solicitarlle á Xunta de Galicia un novo Centro de Saúde para o concello de A Rúa. Deste xeito Blanco leva á Cámara a demanda da veciñanza deste concello ourensán, que dende primeiros de ano estase a concentrar na porta do antigo Centro de Saúde para reivindicar unha “atención primaria digna”.

Blanco sinala nas iniciativas presentadas que o anterior goberno municipal propúxolle á Consellería de Sanidade utilizar o actual Centro de Día, hoxe infrautilizado, para habilitar o novo Centro de Saúde, unha posibilidade rexeitada pola Xunta no seu momento. A continuación, no ano 2018, o Concello propuxo unha nova localización, “pero a día de hoxe segue sen recibir ningunha resposta do Goberno autonómico”.

A Rúa é unha vila de 5.000 habitantes e de en torno a 4.000 cartillas sanitarias que ten “un centro de saúde antigo e insuficiente para atender ademais a Pediatría dos concellos de Larouco, Petín, Vilamartín, O Bolo e Viana, así como o servizo de urxencias, os sábados pola mañá, para adultos e nenos e nenas de catro concellos”, sinala a deputada socialista.

Entre as iniciativas presentadas polo grupo socialista figura unha proposición non de lei para o seu debate no pleno da Cámara galega na que se pide que o Parlamento autonómico inste á Xunta de Galicia a que “fixe de forma inmediata un calendario para o inicio, execución e remate das obras do novo Centro de Saúde da Rúa e asigne as partidas orzamentarias correspondentes para poder ser levados a cabo” e que “poña en marcha de maneira inmediata os mecanismos precisos para que o goberno municipal da Rúa se comprometa á axilización, e formalización, de toda a tramitación urbanística precisa para a posta a disposición e cesión definitiva de terreos á Xunta de Galicia antes de que remate a X Lexislatura”.

 

Artigos relacionados

Back to top button