PolíticaÚltima hora

A socialista Noela Blanco pedirá no Parlamento galego que se manteñan dous médicos no Centro de Saúde de Rubiá

Esta deputada ourensá presentará unha proposición non de lei sobre este tema na Comisión de Sanidade que se celebrará o mércores 17 de outubro na Cámara autonómica
A deputada autonómica do PSdeG-PSOE, no Parlamento de Galicia./ Foto: Carlos G. Hervella.

O grupo do PSdeG-PSOE no Parlamento galego presentará, a través da deputada ourensá Noela Blanco, unha proposición non de lei na Comisión de Sanidade que se celebrará o 17 de outubro pedíndolle á Xunta de Galicia que se manteñan dúas prazas de médico no Centro de Saúde de Rubiá.

Nesta proposición non de lei, que Blanco asina xunto a Raúl Fernández e Julio Torrado, aseguran que nos “últimos anos o goberno galego está a reducir persoal nos centros de Atención Primaria na nosa comunidade autónoma, sobre todo nos concellos do rural, a través da non substitución de baixas por enfermidade ou a amortización de prazas”.

Tamén din os socialistas que son “moitos os exemplos desta vontade” na provincia de Ourense e citan en concreto o caso do Centro de Saúde de Rubiá, no que “traballaban ata o de agora dous médicos, trala xubilación dun deles no mes de agosto, a Xunta decidiu que a partires dese momento soamente preste este servizo unha persoa, amortizando a outra praza, o que xerará unha perda de calidade no servizo, provocada por unha sobrecarga de traballo, e merma na atención aos pacientes polo xustificado número de citas, extracción para analíticas, urxencias en horario de mañá, e atención domiciliaria nun concello cunha elevada dispersión da poboación que segundo datos do IGE do ano 2017 contaba con 1.462 habitantes, o 41% dos cales teñen máis de 65 anos”.

Neste senso, os deputados do PSdeG piden nesta proposición non de lei que o Parlamento galego inste “á Xunta de Galicia a manter a calidade no servizo que se presta no Centro de Saúde de Rubiá, garantindo a permanencia das dúas prazas de médicos”.

Artigos relacionados

Back to top button