CulturaCulturaÚltima hora

A soidade da muller rural, feita curtametraxe en “Na memoria da túa esposa”

Esta peza, rodada en Candeda (Carballeda de Valdeorras), está dirixida por Cristina Yáñez e estreábase na tarde do 14 de agosto en Sobradelo

Mentres as campás tocan a morto, a imaxe dunha sepultura en granito ocupa a pantalla. Sobre ela, en letras metálicas, pode lerse o epitafio “Na memoria da túa esposa”. Deste xeito finaliza a curtametraxe rodada en Candeda (Carballeda de Valdeorras) por Cristina Yáñez. Unha peza de apenas cinco minutos, sen diálogos e interpretada por Mela Casal, que, tomando como título ese mesmo epitafio, fai un retrato en feminino da soidade nunha aldea galega.

 

A alcaldesa de Carballeda, no centro, rodeada por Paula Iglesias e Cristina Yáñez.

 

Este traballo, cuxa protagonista é Adela, estreábase na tarde do 14 de agosto nun Centro Cívico-Social de Sobradelo ateigado de persoas, entre elas os veciños de Candeda que participaban como extras na rodaxe. “Nós vimos dunha xeración na que a vida das mulleres era a súa familia. Neste filme Cristina quixo documentar as vivencias da súa avoa, Angelita de Candeda”, destacaba a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, no inicio do acto, destacando o labor realizado polo equipo da curta, “sodes un exemplo, porque sodes moi novas e estades transmitindo uns valores importantes que nos fan reflexionar a todos, así que a miña felicitación”, engadía.

 

Imaxe da curta, protagonizada por Mela Casal.

 

Ao carón da rexedora, a directora Cristina Yáñez e Paula Iglesias, outra das integrantes do equipo, daban paso á curta. Despois proxectábase o making of da mesma e, seguidamente, dábase paso a un coloquio cos asistentes.

Tanto Cristina Yáñez como Paula Iglesias agradecían a colaboración do Concello de Carballeda, dos veciños de Candeda, do Bispado de Astorga, así como de diversas empresas de Valdeorras que apoiaban de diferente maneira esta curta, que “naceu como un traballo para clase, pero que non quixemos que se quedase aí, queríamos que a historia chegase a máis xente e que se convertise nun dos nosos primeiros proxectos audiovisuais”.

A realización de “Na memoria da miña esposa”, de Lobafilms, supuxo un traballo de catro meses e rodouse en catro días. Esta estrea, á que asistán cinco dos dez membros do equipo, finalizaba cunha petistacada.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

A directora, Cristina Yáñez, nunha imaxe do making of.

Artigos relacionados

Back to top button