SanidadeÚltima hora

“A solución para o Hospital de Valdeorras é que as plantillas de especialistas sexan estables”

Así o destacaba o presidente da Xunta de Persoal deste centro sanitario, Víctor Pariente, na concentración en defensa dunha "sanidade digna" deste xoves, na que unha veciña contaba, en primeira persoa, a problemática que viven os pacientes

 

“Cada xoves que pasa temos unha mala noticia nova”. Deste xeito comezaba hoxe a súa intervención o presidente da Xunta de Persoal do Hospital Público de Valdeorras, Víctor Pariente, na concentración semanal en defensa dunha “sanidade digna” para esta comarca que se vén realizando de forma continuada dende finais de abril.

Neste caso compartía cos asistentes, veciños e persoal sanitario, a sospeita de que “os pediatras que temos no hospital teñen intención de irse, xa que as condicións que teñen aquí non cubren as súas expectativas”. Por outra banda, Víctor Pariente, comentaba que na mesa sectorial de Sanidade, “onde se discuten as relacións laborais do Sergas cos seus traballadores, onde estamos os sindicatos que temos representación, entregaron un borrador para as novas contratacións de especialistas. Nalgunhas categorías, especialmente nas que hai máis dificultade, indícase que no contrato obrigan a desprazarse aos comarcais, sobre todo aos que teñen máis dificultades, como é o caso do Barco, por un período de catro meses se é necesario”.

Neste senso, dende a xunta de persoal consideráse que “o Sergas o que fai é xa descartar a posibilidade de estabilizar plantillas nos comarcais, isto pode ser un remendo, pero non é unha solución. A solución é que as plantillas sexan estables para que precisamente se fagan equipos nos diferentes servizos e que estes servizos entre eles teñan unha interconexión, porque senón un centro non funciona. Aínda que eses especialistas veñan aquí con toda a súa boa vontade ou sexan moi bos profesionais, que nós iso non o poñemos en dúbida, o tema é que non chegan a estar integrados totalmente na dinámica diaria do hospital, que é o que pasa hoxe en día. Por iso nós dicimos que a problemática do HPV son cuestións estruturais, que os equipos non acaban de funcionar uns e outros precisamente porque non hai un número axeitado de profesionais e iso é o que nós demandamos”.

 

 

Ademais na concentración deste xoves unha veciña tomaba a palabra para contar, en primeira persoa, a problemática vivida como paciente, ao ter que desprazarse a Ourense para unha consulta sen ter coche propio nin dispoñer a comarca dunha axeitada conexión de transporte público coa capital da provincia. E, matizando ademais que nalgúns casos, esas consultas acaban sendo anuladas.

Artigos relacionados

Back to top button