ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A sonoridade máxica das arpas de Rodrigo Romaní Trío, no Barco

Presentaba no Teatro Lauro Olmo o seu novo traballo “Fíos de ouro no ár”

Cunha versión moi particular e con aromas blues de “Pandeirada de nebra”, composición de Emilio Cao, concluía o concerto co que Rodrigo Romaní presentaba na noite do 26 de outubro no Barco o seu último traballo, “Fíos de ouro no ár”. Facíao sobre o escenario do Teatro Lauro Olmo, no que estaba acompañado por Bea Martínez (arpa) e Xulia Feixoo (percusión).

Ao longo de máis dunha hora, o trío tecía un variado abano de melodías, que ían dende as muiñeiras, pasadobres e rumbas ata o fandango, nas que se engarzaba a elegante e delicada sonoridade da arpa con diferentes percusións e tamén, nalgunhas pezas, coa ocarina e coa vez.

O recital comezaba con “Terra de Melide”, unha peza do anterior traballo de Romaní, “As arpas de Breogán”, e a partir de aí íanse intercalando os temas do seu novo traballo como “O Santo do demo” (unha mistura entre “O Santo de pólvora” e “Na boca do demo”, “Indo de cara á Grixoa” ou o “Vaivén dos pilros bule bule”.

Ademais cara a metade da actuación, ao Rodrigo Romaní Trío sumábase Guillerme Ignacio coa voz e as percusións en dúas composición enlazadas: “Pasacalle e Muiñeira (Pasacalle de Entruido do Canizo na Gudiña e Muiñeira Do Piñeiro Da Igrexa)”. E non faltaban tampouco momentos nos que este antigo membro de Milladoiro convidaba ao público a cantar en temas como “Mi morena” ou, xa nos bises, en “Pandeirada da nebra”.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button