ConcellosEn portadaGalerías de fotosLaroucoÚltima hora

A Street Band Fuego abre un completo programa musical pola Festa dos Remedios en Larouco

Dende hoxe e ata o mércores 8 de setembro haberá pasarrúas todos os días e esta noite tiraranse fogos artificiais

 

Diferentes ás celebracións precovid pero con moita actividade, especialmente musical, se presentan as festas patronais de Larouco na honra a Santa María dos Remedios, que arrancan hoxe e estenderanse ata o 8 de setembro.

Tal como avanza a alcaldesa, Patricia Lamela, contan con actividades patrocinadas pola Xunta (Secretaría Xeral de Igualdade) e tamén pola Deputación de Ourense, ademais doutras a cargo da Asociación Cultural da Comisión de Festexos de Larouco e “todas, excepto unha serán polas rúas e sen pararse moito para que non se xunte a xente e poder manter as medidas sanitarias”.

 

A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela.

 

Así, a animación festiva polas rúas de Larouco comezará na mañá deste sábado 4 de setembro coa actuación da Street Band Fuego que facía un percorrido polo pobo, case casa por casa, incluída a residencia da Terceira Idade. Pola tarde, a partires das 19:30 horas serán Os Bertolini de Manzaneda os que fagan un percorrido polo pobo. E xa pola noite, en torno ás once, un dos pratos fortes do programa: fogos articiciais dende o pavillón municipal, unha actividade moi esperada polos veciños de Larouco que están moi contentos coa animación festiva no pobo.

Para mañá, domingo día 5 ás 12:30 horas está prevista a actuación, tipo sesión vermú da Unión Musical de Tenorio dentro do ciclo O País das Bandas do programa do Xacobeo “Cultura no Camiño”. A sesión vermú correrá por conta da charanga Europa e pola tarde (19:30 horas) volverá a Larouco a banda feminina Brassica Rapa que xa o ano pasado fixera as delicias de veciños e visitantes.

 

Acompañando á charanga.

 

Comezando xa a semana as actividades continúan. O luns 6 de setembro ás 18 horas a compañía SU.MA. achegarase ata as piscinas para poñer en escena Ikigai, un espectáculo de danza-circo 360º de medio formato. Ese día o pasarrúas correrá por conta de Airiños de Caldelas. O martes 7 de setembro regresará a música pola rúa da man de Os Trinta de Trives a partir das 19:30 horas; e o mércores 8 de setembro será o día grande das festas con pasarrúas da Charanga Nova Terras de Trives ás 10 e a misa na honra a Santa María dos Remedios ás 13 horas na igrexa parroquial. Ese día a sesión vermú correrá a cargo de CLK (Charanga Licor K) do Carballiño e o broche ás festas deste 2021, novamente marcado polas medidas sanitarias poráo de novo a Charanga trivesa cun novo percorrido pola vila a partir das sete da tarde.

 

 

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button