OurenseÚltima hora

A Subdelegación coordina os dispositivos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado ante as novas medidas polo Covid

Tendo en conta ademais a previsión de numerosas reunións familiares e festivas durante esta fin de semana

 

Co fin de analizar as novas directrices aprobadas pola Xunta de Galicia respecto á xestión e control do COVID-19, publicadas no DOG de 12 de agosto de 2020, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, mantivo durante a mañá de hoxe unha reunión de coordinación cos representantes das diferentes Forzas e Corpos de Seguridade.

Na xuntanza, celebrada na Subdelegación do Goberno, participaron o comandante da Garda Civil, José Fermín Díaz Silva; o inspector xefe da Policía Nacional, Juan Antonio Padrón Francisco; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez Estévez; e o inspector principal da Policía Local de Ourense, Benjamín González Quintana.

Na reunión abordouse a coordinación da actuación das forzas e corpos de seguridade do Estado na provincia, tendo en conta as novidades introducidas e tratando de velar polo cumprimento do establecido pola Xunta no territorio da provincia de Ourense.

Os responsables de Policía Nacional e da Garda Civil lembraron que estes corpos veñen traballando intensamente durante as últimas semanas trala finalización do estado de alarma sanitaria, á vez que insistiron no seu compromiso para manter e intensificar a súa acción trala entrada en vigor das novas medidas.

Así llo trasladou tamén o subdelegado do Goberno, que fixo especial fincapé no reforzo dos posibles dispositivos durante a fin de semana, na que se rexistra o maior número de actividades festivas de todo o ano, co que supón de concentración de persoas na meirande parte dos concellos da provincia.

Tendo en conta a previsión de numerosas reunións familiares e festivas durante esta fin de semana, ademais de insistir en medidas como a obrigatoriedade do uso das máscaras, tamén se tratou a organización, por parte de Garda Civil, da posta en marcha de operativos para o control do tráfico e de alcoholemia, xa que se prevé a posibilidade de que se produzan desprazamentos por estrada para gozar de actividades de ocio nocturno.

Na xuntanza avaliouse a necesidade de extremar todas as medidas relativas ao cumprimento da distancia social, así como as recomendacións en materia de protección sanitaria. Emilio González apelou á cidadanía para manter a responsabilidade individual e seguir cumprindo as medidas hixiénico-sanitarias para reducir a transmisión do coronavirus, claves para evitar rebrotes. Lembrou que “aínda queda moita loita contra o COVID-19 e non se debe baixar a garda para evitar dar pasos atrás”.

Ademais, o subdelegado do Goberno trasladou o seu agradecemento e recoñecemento a todos os Corpos e Forzas de Seguridade polo traballo realizado durante o estado de alarma sanitaria e durante o proceso de nova normalidade, no que as competencias e responsabilidades da xestión sanitaria recaen directamente na Xunta de Galicia. “Son un exemplo de rigor e de profesionalidade”, sinalou, á vez que lles pediu que sigan mantendo ese nivel de responsabilidade e de bo facer.

Incendios forestais

Outro dos puntos da orde do día que se analizou na reunión foi a situación dos incendios forestais na provincia de Ourense. As forzas e corpos de seguridade do Estado informaron dun total de 24 detidos e investigados, dos cales un se atopa en prisión provisional, por incendios forestais na provincia de Ourense este ano. No que vai de 2020 a cifra de hectáreas queimadas supera as 3.500, o que implica unha superficie queimada superior ao dobre do ano 2019 (1.742 hectáreas).

O subdelegado do Goberno considera estes datos como moi preocupantes, polo que quixo agradecer de maneira especial “o esforzo para seguir combatendo a lacra dos incendios forestais”. Neste sentido, lembrou a colaboración e o compromiso do Goberno de España na loita contra os lumes.

Emilio González fixo un chamamento “a extremar as precaucións e minimizar o risco de propagación de incendios forestais na provincia de Ourense, en especial nesta época de calor extremo e escaseza de choivas”. Igualmente pediu a colaboración cidadá para esclarecer estes feitos. “Cando alguén vexa un imprudente ou un incendiario, que denuncie. A contribución cidadá nestes momentos é crucial”.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close