En portadaÚltima hora

A Subida a Valdeorras, entre Viloira e Santigoso (O Barco), podería recuperarse para o 2022

20 anos despois da última edición, a Escudería Valdeorras vén de reactivarse co obxectivo de organizar a IV edición desta proba automobilística

Subida a Valdeorras no ano 2001. /Foto. Carlos G. Hervella.

 

Despois de tres exitosas edicións, a Subida a Valdeorras deixaba de celebrarse no 2001 por desacordos coa Federación Galega de Automobilismo. Vinte anos despois e co obxectivo de recuperar a carreira, pero desta volta como proba puntuable nun campionato nacional, reactívase a Escudería Valdeorras.

Así, na tarde deste sábado 1 de maio, os seus integrantes celebraban no Barco a segunda reunión para perfilar as liñas a seguir para traballar por un ambicioso proxecto que, de chegar a materializarse, fará as delicias dos afeccionados ao motor: a IV Subida a Valdeorras Copa de España 2022.

O percorrido sería Viloira-Santigoso (O Barco), coa participación de “fórmulas” e “barquetas” (coches con motor potente e pouco peso), “exactamente igual que nas tres outras edicións, coa diferenza de que pasa de ser Campionato de Galicia a Copa de España”, puntualiza José Manuel Torres, presidente da Escudería dende a súa fundación no ano 1979.

 

A afección animando na Subida a Valdeorras no 2001./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O propio Torres explica que decidiron activarse agora porque lles xurdiu a oportunidade de conseguir unha proba da Copa de España “que non terá nada que ver coa Federación Galega”. Pero antes, deberán buscar patrocinadores e a financiación necesaria para facela realidade. “Xa temos a proba autorizada por parte da Federación Española de Automobilismo pero o presuposto é bastante elevado e é o único que nos pode frear, porque os trámites están xa todos feitos a falta de coñecer o calendario de todas as modalidades. Unha vez que teñamos a data para a nosa, será cuestión de poñerse a traballar para que cando chegue o día se poida celebrar”, asegura. A Federación xa quería que a organizaran para este ano pero entre a falta de financiación e a situación sanitaria, non o viron factible polo que será xa para o vindeiro ano.

O presidente da Escudería Valdeorras asegura que é un proxecto moi interesante porque na provincia de Ourense non hai ningunha proba de montaña para o nacional. “A última creo que foi no 2009”, lembra, adiantando que “en Galicia o ano que vén haberá tres: a de Chantada, a de Puente Caldelas e a de Valdeorras na Copa de España”.

Artigos relacionados

Back to top button