EconomíaEconomíaÚltima hora

A Tahona Regalado, do Barco, recibe a súa primeira Estrela Dir da panadería

Trátase dunha distinción outorgada pola plataforma Panatics (Pan de Calidad) que recoñece os mellores pans de España

Os 80 panadeiros Top na entrega de Estrelas Dir en Valencia.

 

Panatics (Pan de Calidad) é unha plataforma que engloba a profesionais e asociacións que traballan co obxectivo de “facer pan de calidade e posicionar este produto no lugar que se merece” que no ano 2017 decidía poñer en marcha a Ruta del Buen Pan, percorrendo as diferentes comunidades autónomas na procura dos 80 panadeiros Top de España, é dicir aqueles que elaboran no seu  obradoiro “un bo pan artesán, que sabe presentalo en tenda e que ten un bo trato co cliente”.

Para participar no certame, os profesionais do pan inscríbense nunha listaxe e posteriormente reciben a visita anónima dun xurado que vai por establecementos de todo o país valorando non só o pan que elaboran, senón tamén outros factores, como a atención ou as explicacións que ofrecen ao público. Os elixidos son os que van pasando probas ata chegar á final coa avaliación dun xurado especializado en cada cata que valora as especialidades que se poden atopar en España.

 

Gustavo Regalado coa súa Estrela Dir e un dos patrocinadores do evento.

 

Hai menos de dous meses descubrimos que un pan feito no Barco de Valdeorras, estaba entre os mellores de toda Galicia, segundo esta plataforma. Trátase do que Gustavo elabora na Tahona Regalado (rúa Marcelino Suárez) e que era finalista da Ruta del Buen Pan da Comunidade de Galicia 2021 na que se presentaron 35 pandeiros.

Unha vez finalizada a ruta que pasou entre outras pola Comunidade Valenciana, Baleares, Cataluña, Aragón, Castela e León, Madrid e por suposto Galicia (que destaca pola calidade do pan e a cantidade de pandeiros que participan no certame) hai unha semana dábase a coñecer a última lista na que está o barquense Gustavo Regalado Losada, que recollía a súa “Estrela Dir-Informática da panadería” nun acto celebrado o 8 de novembro no marco da feira Gastrónoma en Feria Valencia, como un dos “panadeiros Top que conseguiron as 80 mellores valoracións dentro da Ruta Española del Buen Pan 2021″.

 

Certificado.

 

“É o equivalente á Estrela Michelín no apartado gastronómico”, di satisfeito Gustavo, recoñecendo que valeu a pena os máis de 1.400 quilómetros que fixo en dous días para recoller o premio. “É un evento moi ben organizado, co recoñecemento á xente que leva máis anos no sector da panadería, e supón un premio por entrar enre as 80 mellores panaderías de España pero o máis importante de recibir a Estrela é o seguemento que fan dende a organización”, asegura, incidindo en que iso é precisamente o que persegue o concurso, que non se perda a calidade do pan. Para iso “tes o seguemento por parte dos digamos “clientes pantasmas” que son os que valoran o pan para garantir que manteña a mesma ficha técnica de cando se presentou ao concurso, e van puntuando ata o final da ruta que é cando fan a valoración para conseguir a Miga de Ouro, que é o máximo galardón ao que só podes optar unha vez aínda que teñas moitas estrelas amarelas”, conclúe este panadeiro que xa loce na súa Tahona a súa primeira Estrela Dir.

 

Artigos relacionados

Back to top button