OurenseÚltima hora

A Tecnópole edita unha guía para animar ás rapazas a estudar carreiras vencelladas coa ciencia e a tecnoloxía

Baixo o título “Que quero ser de maior?” recolle un total de 37 titulacións e as súas principais saídas profesionais

Unha das ilustracións da guía.

 

Dentro do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino” desenvolto pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España na que está integrada a Tecnópole, o Parque Tecnolóxico de Galicia con sede en San Cibrao das Viñas (Ourense), vén de publicar en galego a guía Que quero ser de maior?, un proxecto, que ten como obxectivo “lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de CTIM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas)”.

Nesta guía ilustrada recóllense as saídas profesionais dun total de 37 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. No campo da Arquitectura e Enxeñería destácanse: Arquitectura; Camiños, Canles e Portos; Minas; Montes; Agronomía; Topografía; Xeodesia e Cartografía; Automática e Electrónica Industrial; Telecomunicacións; Imaxe e Son; Naval; Aeronáutica; Industrial; Química; Reciclaxe e Informática.

Portada da guía.

 

No eido das Ciencias da Saúde abórdanse as titulacións de: Enfermería, Farmacia, Fisioterapia, Medicina, Logopedia, Odontoloxía, Veterinaria, Podoloxía, Nutrición e Ciencias dos Alimentos, e Biotecnoloxía e Xenética. E no campo das Ciencias: Matemáticas, Estatística, Bioloxía, Bioquímica, Xeoloxía, Ciencias Ambientais, Antropoloxía, Oceanografía, Física, Química, xunto a Óptica e Optometría.

Ao longo da guía amósanse ademais unha serie de curiosidades para os máis novos como que o primeiro robot humanoide da historia, chamado Elektro, exhibiuse no ano 1939. Tiña unha altura de 2,10 metros e 120 quilos de peso. Podía ver e distinguir cores grazas a unhas células fotoeléctricas. Tamén era capaz de moverse. Daba pasos cara diante e cara atrás, levantaba os brazos, contaba cos dedos, cantaba, pronunciaba máis de setecentas palabras, inchaba globos e fumaba cigarros.

 

Artigos relacionados

Back to top button