OurenseÚltima hora

A Tecnópole promove dende Ourense o primeiro campamento tecnolóxico de verán online de Galicia

En catro días cubríanse as 100 prazas dispoñibles obrigando a organizar unha segunda quenda do 20 ao 31 de xullo

 

O T2W –Tecnópole Technological Workshops é o campamento tecnolóxico de verán de toda a comunidade promovido polo Parque Tecnolóxico de Galicia con sede en Ourense que este ano cumpre a oitava edición, adaptado á nova realidade marcada pola crise sanitaria polo que será online.

Esta iniciativa, que se organizará por grupos de idade diríxese a xoves de toda Galicia de entre 12 e 18 anos. Desenvolverase en dúas quendas: do 6 ao 17 de xullo e do 20 ao 31 de xullo, de luns a venres, en horario de 10 a 13:30 horas. As primeiras 100 prazas cubríanse en só catro días, obrigando á organizar unha segunda quenda, cuxo prazo máximo para formalizar a inscrición será o 12 de xuño.

A través de diferentes obradoiros, os participantes recibirán formación en programación, robótica, novas tecnoloxías, electrónica, mundo maker (baseado na reutilización e na reciclaxe), hacking (coñecemento dos mecanismos de seguridade dos sistemas informáticos), biotecnoloxía, biomaking (crear ou fabricar os nosos propios produtos no campo biotecnolóxco) e retos STEAM (trabállanse coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias de maneira multidisciplinar, englobando Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas). Ademais, no transcurso do campamento programaranse placas electrónicas, os alumnos iniciaranse na seguridade informática, deseñarán roupa con sensores, construirán o seu propio microscopio e analizarán a luz do Sol con espectroscopios, entre outras actividades.

 

 

O campamento ten un custo de 50 euros, que é o prezo do kit de materiais tecnolóxicos e científicos que se entregarán no domicilio particular de cada participante, unha vez formalizada a inscrición, para que poidan desenvolver as diferentes actividades. Este kit inclúe, entre outros materiais, micropipetas, fío condutivo, tubos de ensaio, un microscopio e un espectroscopio caseiros…

“Para poder formar parte desta experiencia só é preciso dispoñer dun ordenador con cámara, sentir curiosidade pola ciencia e a tecnoloxía, ter ganas de aprendere, sobre todo, de desfrutar moito”, sinalan dende e Tecnópole, engadindo que o que se pretende con este campamento tecnolóxico online é “adaptarse á nova realidade e cambiar a forma de comunicarse, mantendo o espírito de convivencia xa que todas as actividades se desenvolven en equipo (aínda que de maneira virtual), mediante a formación de grupos por idade”.

Fotos: Tecnópole

Artigos relacionados

Back to top button