DeportesÚltima hora

A tempada de pesca da troita comezará en Galicia o domingo 15 de marzo

• Con carácter xeral, decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás os festivos nacionais ou autonómicos e, como na tempada anterior, os xoves non festivos só se poderá practicar a pesca sen morte

Un pescador no río Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A tempada de pesca en Galicia comezará o vindeiro 15 de marzo e rematará o 31 de xullo, con carácter xeral. Así se establece na orde que recolle as normas de pesca nas augas continentais, que publicaba o 10 febreiro o Diario Oficial de Galicia (DOG). Trátase da orde anual na que se definen as normas xerais de pesca das distintas especies ictícolas nas augas continentais de Galicia, de acordo co previsto no Regulamento de pesca fluvial de Galicia (Decreto 130/1997, do 14 de maio).

No caso concreto da troita, a tempada comezará o 15 de marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña non empezará a tempada ata o 1 de maio.

Por norma xeral establécese a posibilidade de capturar 6 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros, e os engados son os mesmos que os da tempada pasada.

 Para a tempada 2020 védanse en todas as masas de auga as seguintes especies: cangrexo de río, reñosa, espiñento, zamborca e anguía, e a pesca da saboga só se autoriza no tramo do río Ulla comprendido entre a presa de Couso e a desembocadura entre o 1 de maio e o 14 de xuño.

 

Xornadas hábiles

Tal e como se recolle na normativa, con carácter xeral decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves serán hábiles unicamente para a modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto o 9 de abril (Xoves Santo), que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.

En relación coas horas, só se poderá practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta. As horas serán as establecidas na páxina web de Meteogalicia.

 

Artigos relacionados

Back to top button