DeportesÚltima hora

A tempada de pesca deportiva e recreativa comezará o martes 19 de maio

O Goberno dá luz verde a esta actividade nos territorios que se atopan na Fase I como é o caso de Galicia

Pescador no río Sil. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Agora si. Máis de dous meses despois da data na que debería ter empezado da tempada (coincidía xusto coa entrada en vigor do estado de alarma), e trala primeira negativa por parte do Goberno central, a partir do martes 19 de maio, estará permitida a práctica da pesca deportiva e recreativa nos territorios que se atopan na Fase I da desescalada, como é o caso de toda Galicia. En realidade a autorización é a partir de mañá, pero o luns é día inhábil para a pesca.

Así o recolle o Boletín Oficial do Estado publicado este sábado 16 de maio, tralo anuncio feito polo ministro de Sanidade Salvador Illa. Segundo o artigo 49 (capítulo XV) da orde SND/414/2020, de 16 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas trala declaración do estado de alarma en aplicación da fase 2 do Plan para a transición cara unha nova normalidade, “queda permitida a práctica da pesca deportiva e recreativa en todas as súas modalidades sempre que se respecte a distancia de seguridade e as medidas de hixiene e prevención fixadas polas autoridades sanitarias”. No artigo 50 da orde especifica que cando non sexa posible manter a distancia de seguridade establecida “será obrigatorio o uso de mascarilla”. Ademais, non se compartirán utensilios de pesca, nin de comida ou bebida. Deberase limpiar e desinfectar o vestiario despois do seu uso de acordo con lo previsto no artigo 6; e tamén todo o material utilizado.

Compre lembrar que a Xunta xa autorizara a pesca trala publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) das medidas destinadas a deportistas tanto de alto nivel particular como federados. Porén o Goberno daba marcha atrás unha semana despois e, tal e como publicou no boletín o pasado día 11, anulou a autorización. Finalmente o Ministerio de Sanidade rectificaba autorizando o comezo da tempada de pesca 2020 para a vindeira semana.

Artigos relacionados

Back to top button