Galerías de fotosOurenseÚltima hora

A tolerancia ou a solidariedade, entre os puntos do Pleno Infantil de Verín

Na sesión, celebrada na mañá do 28 de xaneiro, participaron maís de 120 alumnos

Máis de 120 alumnos de Primaria e 1º de ESO dos centros educativos Amaro Refojo, María Inmaculada, Mercedarios e Princesa de España, participaron na mañá do 28 de xaneiro no Pleno Infantil, convocado no Concello de Verín para coñecer as inquedanzas e os desexos de implicación na vida pública dos veciños máis novos da vila.

Coincidindo coa celebración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz (30 de xaneiro), a sesión plenaria deste ano centrouse na valorización dunha educación que fomente “a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz”, explican dende o Concello.

Durante a sesión, presidida polo tenente de alcalde e concelleiro de Mocidade, Diego Lourenzo, a as concelleiras de Cultura, Educación e Festexos Emilia Somoza, de Recursos Humanos e Réxime Interior Rosario Rodríguez e de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil Cándida Couñago, os cativos tiveron a oportunidade de expoñer propostas como o acondicionamento e mellora das instalacións deportivas do Complexo Deportivo de A Granxa; a creación dun espazo de lecer específico para a mocidade; ou a creación dun plan específico de melloras de accesibilidade e seguridade viaria para que os menores poidan acudir sos aos centros educativos de maneira segura.

Tralo Pleno, os pequenos tamén tiveron a oportunidade de expoñer aos representantes públicos moitas das súas inquedanzas, tales coma os problemas de despoboamento, o consumo de drogas en parques públicos ou a correcta utilización do mobiliario urbano.

Diego Lourenzo lembra que esta actividade foi concibida polo Concello e os centros educativos coa finalidade de fomentar os valores de convivencia, tolerancia, respecto e non violencia entre os máis pequenos. “Cremos que, ademais da súa propia aprendizaxe realizada coa preparación dos temas, é un método moi efectivo para que os nenos e nenas lle transmitan aos seus pais e familiares estes valores”, dixo.

Artigos relacionados

Back to top button