CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

A tradición do Samaín en Galicia, contada por Rafael López Loureiro na Biblioteca do Barco

Este profesor, autor do libro “Samaín, a festa das caliveras”, abría coa súa conferencia as actividades dedicadas a esta celebración na vila

Con certo estupor reencontrábase co Samaín hai case 30 anos. De volta da escola, a súa filla traíalle unha cabaza decorada pola celebración de Halloween. Aquilo deixaba a Rafael López Loureiro abraiado. De súpeto, víñanlle á cabeza as lembrazas da nenez, cando preparaba e colocaba esas mesmas cabazas nas fiestras, seguindo unha antiga tradición galega, que se fora perdendo e que a súa filla descoñecía. O choque con esa realidade, na que a festa viña de volta como algo novo dende os Estados Unidos, quedou aí, remoendo na súa cabeza e foi o xerme, pouco despois, dun labor de recuperación que deu os seus froitos.

Sobre esa redescuberta e sobre como o Samaín cruzou o Atlántico, se desenvolveu alá e regresou como unha festa remudada e nova para os galegos chamada Halloween versaba a conferencia que este profesor e autor do libro “Samaín, a festa das caliveras” impartía na tarde do 30 de outubro na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco, decorada para a ocasión.

Era presentado pola concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, quen ademais agradecía o agasallo que López Loureiro lle facía á biblioteca: unha curiosa unidade didáctica sobre o Samaín. Con esta conferencia ábrese ademais o programa de actos de Samaín no Barco.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button