CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

A tradición vianesa contada, recitada e cantada, da man de Carlos X. Ares

Unha amena e orixinal conferencia deste investigador, acompañado pola música dos Escaravellos, abría o 4 de maio o programa das Letras Galegas en Viana do Bolo

Coa son da voz a cappela da vianesa María Sánchez, interpretando a peza “Os da Rondalla”, unida a unha serie de imaxes antigas proxectadas sobre a pantalla da Casa da Cultura de Viana do Bolo, comezaba o relatorio que o investigador Carlos X. Ares Pérez, impartía na tarde do 4 de maio. “Isto é tradición oral”, dicía este vianés, cuxa intervención levaba por título “Cantos, contos, romances e refráns da tradición oral”.

A partir de aí, Ares explicaba o que é o que significa a tradición oral para un pobo, definíndoa como “o feito comunicativo sociocultural con base na fala, mediante o que se transmiten coñecementos históricos, científicos e culturais a unha comunidade, co fin de preservalos de xeración en xeración. Está considerada pola Unesco como Patrimonio Intanxible da Humanidade, por ser un recurso necesario para a supervivencia das culturas”, destacaba. E ademais diferenciaba dúas características distintivas nela: a identidade cultural e a memoria colectiva.

Ademais plantexaba unha interesante viaxe polos diversos rexistros da oralidade en Viana do Bolo, dende primeiros do século XX ata a actualidade.”Isto vai ser como o limiar dun libro que me gustaría que leran”, adiantaba o conferenciante. A primeira referencia na que se centraba era o libro “La aldea gallega” de Nicolás Tenorio, do 1900. Nel esta autor andaluz, que exerceu como xuíz en Viana, recolle os cantos de seitura desta zona, os parrafeos do liño, os cantos dos danzantes de San Roque, o “Testamento do galo”, os cantares de Reis, o falar das campás, as copas do Maio ou as da lúa.

 

Concerto de Os Escaravellos na Casa da Cultura vianesa.

 

Deseguido, Carlos Ares detíñase nos “Romances populares gallegos” de Antonio Hervella Courel e xa no marco dos anos 50 nos “Cantares da Cega do Covelo”, Lucía da Conceição Fernándes. Despois falaba dos “Contos vianeses” do mestre e etnógrafo Laureano Prieto e, logo, da obra “La comarca natural de Viana” de Charo Castells, con contidos como un refraneiro, os versos de San Xoán, as despedidas dos Quintos, o “Día de Galos”, as rondallas ou a Romaría de San Cibrao.

A súa exposición íase intercalando con multitude de imaxes antigas de Viana, relacionadas tematicamente cos temas tratados e, algunhas delas inéditas. Ademais, incluía un traballo realizado por Laureano Prieto sobre os xogos e os parrafeos publicado no Boletín Auriense nos anos 70 e , finalmente, o último caderno de campo da Sociedade Antropolóxica Galega, onde o propio Ares realiza un traballo sobre os cantos de Nadal, de Reis, de Entroido e sobre as disputas das comparsas do Entroido.

Neste punto, a presidenta da Asociación O Son de Trevinca, Manuela González, subíase ao escenario e xunto a Carlos Ares comentaba como recolleran xuntos un canto dunha veciña de Porto (Zamora): “Ole del olor, del olor morena”. Este era un dos cantos que se compartían co pastoreo entre esta zona e as de Xares, Valdín (ambas na Veiga), Ramilo e Penouta (Viana do Bolo). Un canto musicado por Leni Pérez, dos Escaravellos, que o interpretaba tamén deseguido para os asistentes.

 

Leni Pérez, de Os Escaravellos, nun dos momentos da actuación en Viana.

 

Ares retomaba despois a súa intervención falando doutros rexistros que non están aínda recollidos en ningunha publicación, entre eles os dun tipo de brindes e os dun rituais de pan. A conferencia concluía cunha imaxe da praza Maior de Viana do Bolo, publicada en 1932 ebn Auto-Aero Clube. Deste xeito, Carlos X. Ares comparaba o valor do patrimonio material, como é o caso da fonte do pilón que aínda pode verse nesta praza vianesa, coa da conservación do patrimonio inmaterial xa que “con el conservamos a nosa identidade”. Ademais animaba aos presentes a ler os libros comentados e a facer recolleitas para evitar a perda deste tipo de memoria colectiva.

O acto concluía con música tradicional. Vanesa Vargas, profesora do CEIP Carlos Casares de Nigrán, presentaba a Os Escaravellos, que ofrecían un pequeno concerto que se iniciaba cun canto de Entroido, recollido por Leni en Riós. Despois viñan unha serie de cancións propias.

A concelleira de Cultura de Viana do Bolo, Graciela Diéguez, quen ao principio do acto presentaba dun xeito moi emotivo a Carlos Ares, agasallaba ao conferenciante e ao resto dos intervintes no acto coa cerámica da pantalla dun Boteiro. Con esta conferencia principiaban en Viana os actos do mes dedicado ás Letras Galegas.

Fotos: Lisi Novas e Antonio Ares.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close