No marco da II Semana Vitivinícola de Galicia, que se está a desenvolver dende o 5 de xuño en Ourense, incluíase unha mesa redonda adicada ás “Mulleres do viño: experiencias galegas”, que se celebraba na tarde do mércores 6 de xuño. Entre as participantes nesta actividade, presentada e moderada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira; estaba Xiana Domínguez Álvarez, responsable da adega trivesa Chao do Couso, pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Xunto a ela, tamén interviñan na mesa redonda Ángeles Montero (Val de Deva) e Eduvigis González (Dona Elisa), ambas xerentes de adegas da D.O. Ribeiro.
Díaz Mouteira puxo en valor a contribución da muller na viticultura, un sector considerado tradicionalmente exclusivo dos homes, e indicou que nos últimos tempos a presenza feminina nas adegas está a medrar e cada vez as mulleres teñen máis protagonismo e máis poder decisorio na elaboración, xestión e comercialización dos viños.
A II Semana Vitivinícola de Galicia está organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) e pola Deputación de Ourense.