O vindeiro venres 10 de outubro, a partires das 20:30h. o Auditorio Julio Vázquez da Pobra de Trives, acollerá a proxección do documental “A última viaxe do afiador” dirixido por Aitor Rei.
A cinta reivindica o papel e valor dos afiadores na cultura galega e nela, Rei amosa a lenda sobre estes homes “bravos, duros, curtidos de traballar coa única compaña da roda de afiar”.
O documental enmárcase dentro dunha serie de actividades que “pretenden, a través da linguaxe cinematográfica achegar ao público o noso patrimonio etnográfico” explican dende o Concello da Pobra de Trives. De feito, a proxección está enmarcada dentro do programa do V Congreso Internacional de Patrimonio Etnográfico que leva por título “O afiado e outras técnicas artesanais de comunidades rurais” e que se celebrará do 9 ao 13 de outubro.
Tralo pase do documental, celebrarase un coloquio co director e o equipo da película. E ao día seguinte, sábado día 11 de outubro, as actividades continurán no auditorio trivés, da man do etnógrafo Perrine Beltran que dará unha conferencia sobre “a cultura do afiado en Francia”.