ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A UME desinfecta en Monforte as principais zonas de concentración de persoas

Efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) desprazábanse na mañá deste martes ata Monforte de Lemos para levar a cabo tarefas de desinfección e limpeza ante este virus. Esta actuación está dentro do operativo denominado Operación Balmis, posto en marcha polo Ministerio de Defensa en coordinación coas Delegacións e Subdelegacións do Goberno de España para paliar os efectos do Covid-19.

Inicialmente, o plan previsto pola UME nesta localidade lucense era a limpeza e desinfección dos entornos da residencia e centro de día de Geriatros, na rúa do Morín, así como o Hospital Comarcal. O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, sendo coñecedor deste dispositivo, levou a cabo as xestións necesarias coa subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez, para poder ampliar as zonas de limpeza e desinfección a máis lugares da cidade nos que se concentran persoas que forman parte de colectivos de especial risco ante este virus.

Deste xeito, a UME ampliou o seu cometido de limpeza aos entornos, accesos e interiores dos seguintes edificios: Residencia da terceira idade, no paseo do Malecón; residencia Asimédica, na rúa Ourense; Hogar de San José, na rúa Doutor Casares; así como na zona de acceso ao público tanto da planta baixa (rexistro, intervención, padrón e rendas), como do primeiro andar (despachos, salón de plenos, baños, ascensor…) e exteriores da Casa Consistorial monfortina, na praza Campo de San Antonio.

A actividade da UME en Monforte consistiu na inspección inicial dos espazos sinalados, para a posterior coordinación e distribución dos diferentes efectivos cos que conta a unidade en cada un dos espazos descritos para a súa axeitada desinfección. Calcúlase que estes traballos se desenvolvan ó longo de todo o día de hoxe, segundo informa o Concello.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button