En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A UME procede a desinfectar a residencia da terceira idade do Barco

Ademais os efectivos da UME tamén realizaron hoxe labores de desinfección en centros residenciais de persoas maiores nos concellos de Barbadás, O Carballiño, Leiro e Verín

Efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) veñen de desprazarse nesta tarde de 25 de marzo ao Barco para proceder a realizar labores de limpeza e desinfección das instalacións da residencia da terceira idade do municipio.

A súa intervención prodúcese despois de que o alcalde do Barco, Alfredo García, contactase esta mañá coa Subdelegación do Goberno para solicitar que unha unidade UME se trasladase á vila para facer este traballo, tal e como se está a realizar noutras residencias do país.

Nesta intervención a UME contaba coa colaboración da Garda Civil, que regulaba o tráfico na zona da residencia.

Este tipo de actuacións da UME están dentro do operativo denominado Operación Balmis, posto en marcha polo Ministerio de Defensa en coordinación coas Delegacións e Subdelegacións do Goberno de España para paliar os efectos do Covid-19.

Ademais, segundo informa Subdelegación do Goberno en Ourense, os 47 efectivos da UME desprazados polo Ministerio de Defensa á provincia de Ourense tamén realizaron hoxe labores de desinfección en centros residenciais de persoas maiores nos concellos de Barbadás, O Carballiño, Leiro e Verín, puntos considerados especialmente sensibles.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button