CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

A UNED achégase á poboación do oriente ourensán cun acto no Centro Cultural Avenida, na Rúa

Da man do director do centro asociado en Ourense, o petinés Jesús Manuel García, contou coa asistencia de varios alcaldes e profesores da zona

 

Despois de toda unha vida adicada á información, en abril de 2018 o petinés Jesús Manuel García era nomeado director do Centro Asociado á Universidade Nacional a Distancia en Ourense, e entre os seus obxectivos estaba dar a coñecer “da mellor maneira posible a riqueza que supón ter un centro da UNED, xa asentado, nunha provincia como Ourense”, e tamén darlle un novo aire á páxina web, apostando pola información e polas novas tecnoloxías. Un ano despois, a páxina do Centro en Ourense é das máis activas e está achegando a institución á poboación.

Con esta premisa chegaba a Valdeorras o programa “Que es la UNED?”, un acto celebrado na tarde do 26 de setembro no Centro Cultural Avenida da Rúa que contou coa presenza do propio director do Centro Asociado á UNED en Ourense-Aula Universitaria de A Rúa,  Jesús Manuel García Díaz; do alcalde da Rúa, Álvaro José Fernández López; e do representante da presidencia da Xunta Reitora, Rosendo Luis Fernández Fernández.

Durante o acto, ao que asistían veciños da contorna e representantes municipais do oriente ourensán entre os que estaban os alcaldes do Barco Alfredo García e de Manzaneda Amable Fernández así como a alcaldesa de Petín Raquel Bautista, o director da UNED falou dos inicios da Universidade a distancia no mundo e sobre todo en Ourense, destacando que foi xente como Javier Crooke e Zacarías Fernández os responsables de que a primeira zona xeográfica da provincia que tivo instalacións da UNED fose precisamente a oriental.

 

Dominica Murias Borrajo, invidente graduada en Dereito pola UNED na Aula da Rúa.

 

Hoxendía, a estrutura da UNED en Ourense está formada por un Centro Asociado na capital, no que se atopa todo o aparato administrativo, educativo e de dirección; e a Aula da Rúa, onde se desenvolven titorías, ademais de celebrarse cursos de extensión universitaria, pero a súa orixe remóntase anos atrás na Rúa. Concretamente ao ano 1989, data do informe titulado Centro Asociado da UNED na Galicia Suroriental, promovido pola Asociación Cultural de Valdeorras, no colexio Pablo VI. Naquel primeiro curso de 1990 rexistráronse 70 alumnos e quince anos despois, a UNED valdeorresa situouse no colexio Manuel Respino, onde se mantén. Aquel primeiro centro pasou a ser unha extensión do Centro Asociado á UNED en Ponferrada, ata que 1992 entrou en servizo o de Ourense.

Trátase da universidade máis grande de España, cuns 250.000 alumnos, sendo a pioneira neste país na educación a distancia. Naceu no ano 1972 e dende entón está prestando un servizo á sociedade, ao facilitarlle os estudos superiores a persoas que por razóns de traballo, de ubicación ou económicas non poden ir a unha universidade convencional. Ademais é unha universidade descentralizada e incardinada en cada territorio. Aquí en Galicia está en Ourense, na Coruña, en Lugo e en Pontevedra cidade, despois hai aulas na Rúa, en Ferrol, en Vigo…

Son só algúns datos que deu o director durante a súa intervención remitindo á páxina web: http://www.unedourensew.es para consultar calquera dúbida. O acto completábase coa proxección dun vídeo promocional e as testemuñas de tres alumnos da Aula da UNED da Rúa que loaron as oportunidades que dá: Dominica Murias Borrajo, invidente que se graduou en Dereito; Diego González Álvarez, tamén graduado en Dereito e actualmente profesor-titor na Rúa; e Rosa Díaz Vizcaya, que vai pola terceira carreira.

Tralo acto, o Concello da Rúa convidoua aos asistentes a un viño e uns petiscos na entrada do centro cultural.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button