SanidadeÚltima hora

A Unidade da Dor do CHUO recibe a acreditación de excelencia en calidade na atención ao paciente oncolóxico

A unidade da Dor de Ourense que está dirixida pola Xefa de Sección de Anestesioloxía e Reanimación, doutora Luz Cánovas Martínez, recibirá este recoñecemento o vindeiro mes de setembro

Publicidade

 

A Unidade da Dor do Hospital Universitario de Ourense acaba de ser recoñecida con nivel de “excelencia” pola norma ACDON (Acreditación Dor Oncolóxica) avaliado pola Sociedade Española de Calidade Asistencial que é a responsable de poñer en marcha o procedemento de acreditación. A avaliación externa realizouse, por un panel de dous expertos externos (un experto/a en calidade e outro/a en oncoloxía) durante o pasado mes de xuño.

Así, esta unidade que está dirixida pola Xefa de Sección de Anestesioloxía e Reanimación, doutora Luz Cánovas Martínez, recibirá o seu recoñecemento o vindeiro mes de setembro nun acto a celebrar no hospital.

Esta Norma ACDON, para a acreditación de enfoques de atención do paciente con dor oncolóxica, é froito do consenso entre profesionais de diferentes disciplinas (anestesioloxía, oncoloxía, medicina familiar, enfermería, psicoloxía, representantes de pacientes, e expertos en métodos de investigación cualitativa) e foi elaborado co propósito de establecer unha futura acreditación do manexo da dor oncolóxica en hospitais e unidades asistenciais do Sistema Nacional de Saúde. A Norma ACDON ten unha vixencia de cinco anos, segundo se explica dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

Para acadar a máxima cualificación de excelencia a Unidade da Dor ourensá tivo que cumprir a totalidade dos criterios imprescindibles que estrutúranse en oito dimensións que abarcan desde a avaliación do paciente con dor oncolóxica, as alternativas terapéuticas ata a satisfacción e seguridade do paciente. Cada dimensión contén, á súa vez, unha serie de criterios de calidade que contan cada un cunha definición operativa e indicación da fonte onde obter a información que alimentaría o cálculo dese criterio. Polo tanto esta acreditación converte ao paciente con dor oncolóxica e a súa familia no eixo fundamental da atención, no que atinxe ao proceso do seu tratamento e o seguimento ao completalo.

O sistema de valoración baséase nun procedemento mixto de autoavaliación e avaliación externa. Un 46% dos criterios avalíanse mediante a presenza ou ausencia de información ou documentación que permita determinar o cumprimento do criterio, mentres 54% avalíanse mediante auditoría dunha selección aleatoria de historias clínicas.

A dor no paciente oncolóxico

A dor está presente en máis do 50% dos pacientes oncolóxicos e ata no 90% dos pacientes en fases terminais. A aparición de dor asóciase á progresión da enfermidade, o aumento da incidencia e, o máis importante, a afectación da calidade de vida do paciente.
O uso e seguimento das guías terapéuticas existentes e o uso da escaleira analxésica da OMS non están a ter a translación á práctica que sería desexable, o que afecta os resultados no tratamento da dor oncolóxica. Preto do 50% dos pacientes con algún tipo de dor oncolóxica permanecen sen control, a pesar das múltiples iniciativas emprendidas para o seu adecuado manexo.

En España en 2018 houbo 270.363 novos casos diagnosticados de cancro ocasionando 110.753 mortes. Ademais, e con relevancia adicional en 2018 hai 772.853 longos sobreviventes (supervivencia maior a 5 anos) tendo en conta que a taxa relativa de supervivencia en conxunto de todos os cancros aos 5 anos é superior ao 60%. Este grupo de pacientes que están curados da patoloxía oncolóxica de base, poden presentar dor crónica residual. Prevese ademais que para o ano 2025 existan cada ano máis de 300.00 casos novos e unha mortalidade aproximada de 130.00 casos (267 falecidos por cada 100.000 habitantes).

Contar con esta acreditación ACDON, baseada en criterios de estrita calidade para unha adecuada atención do paciente con dor oncolóxica, permitirá mellorar de xeito continuo a súa calidade asistencial e, polo tanto, a dos seus familiares.

Artigos relacionados

Back to top button