ConcellosQuirogaÚltima hora

A Unidade de Atención Temperá situada en Quiroga atende a máis de 50 nenos

Dá servizo aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Sober, A Pobra do Brollón e Pantón

Unha das aulas da Unidade de Atención Temperá situada en Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Unidade de Atención Temperá situada en Quiroga atende a máis de medio centro de nenos e nenas da práctica totalidade dos concellos que integran este servizo. O que comezou sendo un centro para a atención dos cativos dos concellos da comarca de Quiroga está considerado xa un referente na zona sur da provincia de Lugo e da servizo aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Sober, A Pobra do Brollón e Pantón.

En pouco máis dun ano, dende a súa posta en marcha en setembro do 2020 (cunha achega de 12.296 € da Xunta de Galicia), non só se triplicou o número de concellos que se adheriron a este servizo se non que conta cunhas novas instalacións -creadas especificamente para esta atención- e duplicou o seu cadro de persoal. Tamén se incrementaron considerablemente as achegas da Xunta de Galicia para este servizo que no 2021 foron de máis de 100.000 €, segundo informa o Concello de Quiroga.

Ademais creouse unha delegación no concello do Saviñao, para facilitar a atención dos menores reducindo o desprazamento dos usuarios desta zona. Segundo a concelleira de servizos sociais do Concello de Quiroga, Loli Sánchez, con esta delegación incrementouse o número de nenos atendidos na zona occidental do distrito comarcal de Monforte.

Os servizos

Na Unidade de Atención Temperá, que serve para identificar, previr e actuar sobre os trastornos no desenvolvemento que poidan sufrir os nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade, contase con dous psicólogos, dous logopedas, un fisioterapeuta e un terapeuta ocupacional especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá.

A atención neste servizo, – ao que poden acudir os nenos sen que teñan problemas definidos, senón para axudarlles a un desenvolvemento evolutivo adecuado-, é principalmente a través do servizo de pediatría, que fai o diagnóstico previo, en función do cal derivará a familia á unidade de atención temperá máis axeitada para o caso. Tamén os centros educativos ou as propias familias poden poñerse directamente en contacto con este servizo para que os informen de cal é o proceso a seguir.

Por outra banda, nesta unidade poden facer prácticas os alumnos da Universidade Internacional da Rioja (UNIR) coa que se asinou un convenio de cooperación. Este convenio, serve como se dixo na súa presentación “por un lado de apoio á formación dos alumnos e por outro, para que o centro, absorba os coñecementos que estes alumnos poidan aportar”.

Artigos relacionados

Back to top button