SanidadeÚltima hora

A Unidade de Hospitalización a Domicilio cubrirá o distrito sanitario de Valdeorras

Reunión cos profesionais no Centro de Saúde do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Hospital de Valdeorras dará cobertura a todos os concellos deste Distrito Sanitario que, desde o pasado día 22, xa contan cun médico especialista en xeriatría e unha enfermeira con dedicación exclusiva á nova unidade de carácter comarcal, segundo informa o Sergas.

Os novos profesionais do servizo, ata agora só accesible para os residentes no Barco, atenderán tamén aos pacientes de Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, Pobra de Trives, Manzaneda, Larouco, Rubiá, Viana do Bolo, e Vilamartín de Valdeorras, incluíndo ademais aos San Xoan de Río.

“Asemade desde o novo equipo traballan ultimando os plans de traballo e coordinación co resto de servizos do Hospital e Atención Primaria, xa que a coordinación entre as distintas especialidades e centros é fundamental para que a unidade chegue alí onde sexa preciso”, segundo o Sergas.

Neste 28 de xaneiro tiñan lugar reunións de presentación cos profesionais de Atención Primaria deste distrito nos centros de Saúde da Rúa e O Barco, co obxectivo de coñecer aos seus responsables, funcionamento e vías de activación ou derivación de pacientes.

Para os seus desprazamentos, cada unidade dispón dun vehículo propio e o equipo de Valdeorras recibía neste martes o seu novo coche, que renova o anteriormente dispoñible.

 

Outro dos momentos da presentación no Centro de Saúde do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Hospital na casa

A Unidade de Hospitalización a Domicilio busca o mantemento dos coidados hospitalarios naqueles pacientes que, cuns coidados médicos e de enfermería especializados, poden ser dados de alta no hospital e continuar seu tratamento na casa, ou ben manter no seu domicilio a pacientes que, doutro xeito, terían que ingresar.

“A principal vantaxe deste modelo de hospitalización é que permite a recuperación do paciente nun entorno coñecido, mais saudable e favorable para súa plena recuperación que un hospital, e baixo uns coidados especializados que evitan a sobrecarga de traballo, ou illamento da familia, ante a enfermidade do seu achegado”, explica o Sergas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button