OurenseÚltima hora

A V Carreira Popular San Silvestre pechará o ano en Ourense cun máximo de 300 participantes

As inscricións estarán abertas ata o 27 de decembro en carreirasgalegas.com, e o percorrido terá unha lonxitude de 5,25 km

Presentación da San Silvestre ourensá 2020.

 

A cidade de Ourense prepárase para despedir o ano correndo, pero con control. A quinta edición da Carreira Popular San Silvestre, que se celebrará o vindeiro xoves 31 organizada polo Concello coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e do Club Deportivo Aurum, limita a participación a 300 persoas, por rigorosa orde de inscrición, e celebrarase baixo as medidas que establece o protocolo da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

A participación está aberta ás persoas maiores de 16 años que se inscriban ata o 27 de decembro ás 23:59 horas a través do espazo web carreirasgalegas.com, onde poderán atopar o regulamento da proba. O prezo da inscrición é de 7 euros, co que lle será entregado unha camiseta conmemorativa e o número de dorsal.

O percorrido terá unha lonxitude de 5,25 km. aproximadamente, principalmente de terra compactada e tramos de asfalto e pedra. A zona de saída emprázase na explanada da marxe dereita do río Miño, baixo a rúa Ribeira de Canedo. A meta, ao carón da oficina de Turismo da ponte vella.

Establécense seis premios para a categoría absoluta: dous primeiros premios de 150 euros para homes e para mulleres; dous segundos premios de 100 euros para homes e para mulleres; e dous terceiros premios de 50 euros.

A San Silvestre Ourensá 2020 desenvolverase conforme ao Protocolo ‘Fisicovid DXT Galego’ que establece as seguintes medidas: Saídas de dous en dous atletas cada 20 segundos; uso da máscara obrigatorio -agás no momento específico da práctica deportiva, tras recibir a orde do persoal da organización-; distancia de seguridade interpersoal de polo menos 1,5 metros entre todas as persoas antes e durante a proba, mesmo para os adiantamentos; os participantes non poderán ir correndo un detrás de outro, deberá manterse unha distancia mínima de 5 metros; e deberán transitar pola marxe dereita do carril habilitado para a carreira.

Artigos relacionados

Back to top button