CulturaCulturaÚltima hora

A V edición do Festival Internacional de Curtas de Verín adiántase ata o mes de setembro

O prazo para a presentación de obras ao concurso oficial estará aberto ata o 31 de maio

Público na pasada edición do festival de Verín.

 

Coa idea de “optimizar ao máximo o potencial do certame”, en palabras do seu director Carlos Montero, a organización do Festival Internacional de Curtas (FIC-Vía XIV) de Verín decidía adiantar a V edición que terá lugar na vila do Támega entre os días 5 e 13 de setembro deste ano, celebrándose así por primeira vez na época estival.

“Setembro permitiranos programar actividades relacionadas coa cinematografía ao aire libre, aproveitar o aumento de poboación que rexistra a comarca no verán e atraer a un maior número de participantes e asistentes”, destaca o director do FIC, adiantando que están a traballar xa no programa desta quinta edición “con actividades para todos os públicos coas que continuaremos dinamizando a actividade cultural e de lecer da comarca e promocionando a marca Verín internacionalmente”, prosegue Montero.

O ano pasado recibiron máis de 800 obras de 50 países para participar no concurso, entre as que foron seleccionadas 52 procedentes de 21 países, coa asistencia de máis de 3.300 persoas ás proxeccións e ás actividades paralelas, polo que animan a todos os interesados a participar neste concurso “consolidado no mapa cultural internacional”.

As bases atópanse xa na web www.ficviaxiv.com. Os interesados poderán presentar as súas obras nas catro categorías temáticas do festival, ao igual que outros anos: Outra Mirada, Horizontes, A Raia e Nova, ata o vindeiro 31 de maio. As curtametraxes que concorran ao concurso deben ter unha duración inferior a 31 minutos e ser realizadas con posterioridade a xaneiro de 2019. A taxa de inscrición inicial por cada curta participante será de 2 euros, cos que se axudará á organización a sufragar diversos gastos de xestión do festival. En canto aos premios, novamente establécense 5. Un á mellor curtametraxe en cada unha das catro categorías, por valor de 750 euros, e outro adicional que outorgará o público, cunha contía de 600 euros.

Artigos relacionados

Back to top button