SanidadeÚltima hora

A vacinación do Covid en Galicia comezará con doses para 40.000 persoas

Os primeiros en recibir a vacina serán as persoas residentes e os traballadores dos centros sociosanitarios, xunto cos profesionais sanitarios de primeira liña. Así o adiantaba o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a reunión do Consello da Xunta deste xoves

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa celebrada tras o Consello da Xunta.

 

O Plan galego de Vacinación contra o Covid-19 vén de ser aprobado polo Consello da Xunta, na reunión celebrada na mañá deste 17 de decembro. Está previsto que este plan arranque, segundo sinalaba o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, “en canto cheguen as doses á comunidade, coa vacinación de 40.000 persoas”.

Ademais indicábase que os colectivos que van recibir a vacina en primeiro lugar serán os seguintes: 22.000 usuarios das residencias e centros de atención para grandes dependentes, 17.000 traballadores destes centros e  3.000 traballadores sanitarios.

Para desenvolver este plan disporase dun equipo de coordinación de 207 profesionais de enfermería. Rueda aseguraba que se trata de persoal con experiencia en vacinación que recibirá formación complementaria.

Este equipo coordinará máis de 2.000 efectivos de enfermería de atención primaria que se encargarán de vacinar os pacientes de seu cupo. Así mesmo, preto de 40 efectivos de enfermaría dos servizos de medicina preventiva e unidades de prevención de riscos laborais dedicaranse á vacinación do persoal dos centros hospitalarios, onde, ademais, haberá unha persoa de referencia do Equipo de Coordinación asignada a cada área, para supervisar e axudar a este persoal.

As doses asignaranse nominalmente para cada cidadán que se vaia vacinar nos puntos de vacinación, ao que serán remitidas desde o punto central por medio dunha rede segura de transporte monitorizada, con seguimento constante telemático de temperatura e de localización. Deberán ser recepcionadas por persoal de enfermaría responsable da vacinación no punto correspondente.

Ademais, procederase ao seguimento de todo o proceso desde a Dirección Xeral de Saúde Pública, rexistrando os indicadores propios do programa de vacinación, así como desde a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, rexistrando os indicadores de farmacovixilancia, como as posibles reaccións adversas.

A Consellería de Sanidade informará do plan de vacinación os sindicatos da Mesa Sectorial, as xerencias de área e os responsables asistenciais e de enfermaría de cada área, así como os grupos políticos representados no Parlamento de Galicia.

Tamén informará do Plan de vacinación os distintos axentes sociais, como colexios profesionais e sociedades científicas, así como as asociacións de pacientes.

Artigos relacionados

Back to top button