ConcellosCulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A valdeorresa Alba Prada, ponente no XI Seminario sobre a Memoria Histórica de Nova Escola Galega

No seu relatorio esta xornalista abordaba o papel das mulleres na guerrilla antifranquista e na etapa da posguerra

A xornalista valdeorresa Alba Prada, durante a súa exposición no seminario.

 

Entre os tres ponentes participantes no XI Seminario sobre a Memoria Histórica “Os Acubillos” (adicado aos refuxios de liberdade e resistencia que durante a posguerra xurdiron en moitos lugares de Galicia), celebrado online na mañá do 29 de maio, estaba a xornalista valdeorresa Alba Prada, autora do proxecto “Pegadas na néboa. Actividade guerrilleira en Valdeorras”.

A súa ponencia levaba por título “Mulleres: símbolo de loita a resistencia na actividade guerrilleira” e nela abordada o importante papel da muller no marco da guerrilla, tanto na primeira liña, como naqueles outros casos nos que actuaban de enlaces, “as que quedaron no chan”, poñeno en valor, de xeito especial este último aspecto.

“Como en todas as etapas da historia, se nesa época había represión, contra a muller aínda era moitísimo peor. Moitas tiveron que pasar á clandestinidade, botándose ao monte, exiliándose, cambiando de identidade…”, indicaba Alba Prada.

O programa incluía tamén a intervención de Daniel Palleiro, que abordaba “As casas-refuxio das mulleres libertarias na Coruña” e do investigador Carlos Tejerizo, do equipo Sputnik Labrego, que falaba sobre as “paisaxes de resistencia: a Cidade da Selva e a emerxencia da guerrilla antrifranquista en Galicia”.

Este seminario pretende ser “unha proposta para a reconstrución da memoria histórica no contexto escolar. Preténdese suxerir aos asistentes unha reflexión sobre o fenómeno dos lugares de refuxio e o papel da muller na loita antifranquista”, segundo os seus promotores.

As intervencións do seminario pode verse na seguinte ligazón:

 

Máis información sobre o proxecto de Alba Prada “Pegadas na néboa” en:

https://osil.info/valdeorras-foi-un-punto-neuralxico-da-guerrilla-do-noroeste-espanol/

Artigos relacionados

Back to top button