CulturaCulturaÚltima hora

A valdeorresa Eva Piay, ganadora do XVIII Premio “Pura e Dora Vázquez” en ilustración

O xurado do premio.

 

A ilustradora valdeorresa Eva Piay Fernández (Rubiá, 1999) vén de ganar o XVIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de ilustración, organizado pola Deputación de Ourense e dotado con 1.500 euros. O xurado, reunido hoxe na sala de xuntas do Pazo Provincial, destacou das ilustracións gañadoras “a súa coherencia co texto gañador, permitindo unha lectura visual moi clarificadora para o público infantil”.

O traballo de Eva Piay Fernández ilustrará o libro O clube de coleccionistas de selos, de Pablo Nogueira Campo, gañador deste mesmo certame na modalidade de narración. O xurado subliñou que “as imaxes son moi estéticas e acabadas”. Na acta do fallo tamén se destacan das ilustracións gañadoras “os seus amplos planos que dan lugar á imaxinación, ofrecendo panorámicas e contextos diversos, e que representan perfectamente a idea da diversidade que ofrece a narración”.

O xurado do XVIII Premio “Pura e Dora Vázquez” de ilustración estivo presidido pola deputada de Cultura da Deputación de Ourense, Patricia Torres, actuando como secretaria Ana Malingre, e como vogais David Canda Castro, Antón Alonso Suárez, Xosé Antón Dorrío Vázquez e Isabel Mociño González.

Eva Piay Fernández, que se presentou ao certame co pseudónimo “Auga doce”, naceu en Rubiá, no ano 1999. Animada polos libros de poucas palabras e moitos debuxos, no ano 2017 trasladouse a Valencia a realizar estudos en Belas Artes, dos que se atopa cursando o último ano. Compaxinando os estudos, participa coas súas ilustracións na edición de varias revistas e fanzines, e ten colaborado ademais con escritoras, concellos e organizacións en traballos de ilustración e cartelería. Tamén se desenvolve profesionalmente cara a escultura e a pintura.

Artigos relacionados

Back to top button