DeportesÚltima hora

A valdeorresa Isabel Vázquez adestra ao primeiro equipo feminino das Escolas de Fútbol de Carballo

Xogadora de fútbol e fútbol sala, a xove barquense estudou INEF e o nivel I de técnica
Isabel Vázquez coa equipación do Rúa-Valdeorras CF. /Foto: Carlos G. Hervella.

Despois de anos con representación na liga galega, Valdeorras quedaba esta tempada sen equipo feminino de fútbol. Unha decisión difícil que o presidente do club víase obrigado a tomar por diferentes motivos. Pero non está todo perdido e as bases sentadas hai anos poden ter continuidade, aínda que fóra.

De feito, unha das xogadoras que defendeu as cores dese equipo, a barquense Isabel Vázquez Rodríguez é a adestradora do primeiro equipo formado integramente por nenas de base das Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz de Carballo (A Coruña).

O equipo era presentado na tarde do 24 de outubro nas Eiroas, comezando así os adestramentos. De momento son 15 as cativas que integran o conxunto e a valdeorresa contará con Laura Seoane (Tarragona, 1997) como segunda técnica.

 

O equipo feminino das Escolas Luís Calvo Sanz, na presentación.

 

Ademais de xogar ao fúbtol (Rúa-Valdeorras CF) e ao fútbol sala (Quiroga Futsal), adestrando durante varios anos ao equipo biberón do Portazgo SD, Isabel estudou INEF e o nivel I de adestradora e está moi contenta de comezar con este proxecto. “É moi emocionante poder adestrar un equipo feminino de fútbol”, di, incidindo en que “para que este deporte creza, fan falta máis referentes femininos e o banquiño é un bo lugar para comezar”.

Aínda que na provincia de Ourense só hai un equipo (EFF Rosalía, na cidade) o fútbol feminino ten futuro e en Valdeorras hai xente formada que pode xestionalo “só fan falta ganas, ilusión e traballo”, conclúe esta xove promesa.

Artigos relacionados

Back to top button