DeportesFútbolÚltima hora

A valdeorresa Isabel Vázquez despídese do Bergantiños FC, o club de Carballo co que se iniciou como adestradora de fútbol feminino

Dende hai case catro anos era adestradora do primeiro equipo formado integramente por nenas de base das Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz

 

No verán de 2018, a deportista barquense Isabel Vázquez (xogadora de fútbol sala e fútbol, graduada en INEF cos niveis I e II de Adestradora, e residente na Coruña) recibía unha interesante oferta: formar parte do Bergantiños FC, máis concretamente do primeiro equipo formado integramente por nenas de base das Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz de Carballo (A Coruña). “Ofrecéronme a posibilidade de formar parte dun proxecto moi emocionante, apostando polo fútbol feminino de base”, explica a propia Isabel, que fiel defensora deste deporte non o dubidou lanzándose de cabeza á nova aventura.

 

Isabel Vázquez nun adestramento no campo de Eiroás, en Carballo.

 

Durante este tempo a adestradora valdeorresa pasaba por diferentes equipos sempre especialmente ligados á base feminina. “Comecei co Promesas e, ademais de seguir con esas nenas, cada ano tiven máis equipos e conforme aumentaba a miña dispoñibilidade ao rematar a carreira, ía tendo máis responsabilidades. De feito creouse o grupo de tecnificación deportiva feminina, e organizamos tres edicións do campus de tecnificación. Tamén estiven cun dos equipos infantís masculino este ano como preparadora física. A verdade é que me pasaba todas as tardes en Carballo, con mil adestramentos pero estaba moi contenta”, di, recoñecendo que lle resultou especialmente duro despedirse de todos eles, pero agora, case catro anos despois, esa etapa da súa vida chegou ao seu fin, xa que por cuestións académicas non pode seguir vinculada ao club.

 

Isabel co chándal das Escolas Luís Calvo Sanz de Carballo.

 

Dende hai un tempo Isabel Vázquez tiña pendente realizar o Máster de Educación e aínda que o retrasou todo o que pudo, chegou a hora de despedirse de Carballo. “As clases son pola tarde, xusto no horario de adestramento e funo aparcando porque non quería deixar o fútbol e menos un club no que ano a ano ía crecendo, tanto a nivel persoal como laboral, pero todos son etapas e todo acaba”, explica, recoñecendo que sempre estará “eternamente agradecida ao Bergantiños, onde realmente comecei a formarme como adestradora e onde vivín experiencias que non tiven a sorte de vivir en ningún outro sitio”.

De feito, máis alá da mensaxe de despedida que enviou a cada un dos membros da que xa considera a súa familia (monitores, nenas, pais,…) na que só ten palabras de agradecemento, Isabel recoñece que a nivel profesional o Bergantiños FC é un club “no que apostan por ti, pola xente formada algo que me parece fundamental; pero tamén te deixa liberdade para actuar, que tamén é importante. En todas as ideas que tes, se son viables, vante apoiar”, asegura, incidindo en que malia levar anos facendo o campus mixto non se apuntaban moitas nenas ata que ela se implicou para facelo exclusivamente feminino “apoiárono e malia o Covid conseguimos facer tres edicións, algo digno de mención”, di, recoñecendo que quedaron cousas por facer pero está moi contenta con todo o que sacaron adiante. “É bonito para min ter contribuído a asentar as bases do fútbol feminino de base en Carballo”, di, agradecendo o “apoio incondicional de todos os adestradores e directivos do club todo este tempo, en especial a David Iglesias por confiar en min dende o principio e por darme a oportunidade de formar parte do Bergan; e a Borja Facal por ddeixarme aprender del día a día”.

 

As cativas do equipo de Carballo noutro adestramento.

 

Así, triste pero satisfeita e agradecida, Isabel comeza unha nova etapa, cambiando os adestramentos da tarde polas clases, pero mantendo o seu posto no corpo técnico do Victoria C.F. ao que se incorporaba o ano pasado como preparadora física e segunda adestradora do filial. “Con isto podo seguir porque os adestramentos son a partir das nove da noite e en Coruña co cal os desprazamentos son máis pequenos. Ademais non quería desvincularme do fútbol e menos agora que me deron tamén ao equipo cadete feminino que adestrará conxuntamente co sénior B”, conclúe, á espera de comezar a nova tempada.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button